#FNL4 programación do xoves
Pistoletazo de saída do Festival Nun Local, que durante catro días encherá de cultura e arte a cidade. Hoxe, xoves, as actuacións terán lugar en sete locais da zona de Churruca, a partir das 20:30 horas.
Os artistas vigueses Ari Magritte e Solo Molsom serán os encargados de inaugurar o Festival Nun Local, un evento que reúne na cidade a máis de 130 artistas e 72 actuacións, dende hoxe ata o domingo. Á voz de Magritte se lle une a guitarra de Molsom, xuntos interpretarán un feixe de temas propios e versións. Ás nove da noite haberá teatro no Hotel Junquera e monólogo en La Casa de Arriba. A peza teatral ‘De como se crea la metáfora’ combinará teatro e danza para investigar como nos expresamos por separado e como sociedade. Pola súa banda, o espectáculo humorístico ‘O padre Merino’ de Fran Campos consistirá nun cursillo sobre o pecado: “A.M.E.N.: Accións Misioneiras Evanxélicas Nocturnas”, falará sobre a gula, a luxuria, a pereza… recorrendo á lectura de inéditos textos bíblicos, á maxia, ós xogos, a música coa súa nova guitarra que lle enviaron dende o Vaticano… e a interacción directa co público buscando a súa participación dende o primeiro minuto.
Ás 21:30 en Tinta Negra o espectáculo ‘Cinta Adhesiva’, un proxecto de poesía escénica no que literatura e música van dotando de significado ás melodías, os ritmos, a cadencia e as imaxes. A mesma hora no restaurante El Velero concerto a cargo de Iago Ramilo ao saxofón e Miguel Fraile á guitarra que interpretarán musicas de todo o mundo para que público e músicos gocen xuntos.
Unha das novidades da edición deste ano é a colaboración con outros festivais da cidade como o Primavera de Cine. No Brewing Records proxectaranse a partir das 22:00 horas as mellores curtas da edición de 2017 do festival.
Tampouco faltará a música, ás 22:30 en O Batallón Diego Negro, cantante e guitarrista de música negra en diferentes formacións, presentará os seus temas en solitario. E ás once da noite na sala Goma Laca, Brazil Love Affair fará bailar ao público asistente ao ritmo dos grandes éxitos da música brasileira, facendo un percorrido polos clásicos ata os temas máis actuais.