Fillas de Cassandra, da Kominsky a encher o Mar de Vigo en menos de dous anos
Non hai dúbida de que Fillas de Cassandra, a dupla formada por Sara Faro e María Soa, foron o fenómeno musical galego de 2023. A un mes de que se fagan dous anos desde o seu primeiro concerto na sala Kominsky, conseguiron encher o hall do Auditorio Mar de Vigo con todas as entradas vendidas con meses de antelación.
Non son moitos os grupos que poden presumir de ter vivido un ascenso tan brutal como o experimentado polas viguesas Fillas de Cassandra. O 18 de marzo de 2022 daban o primeiro concerto como grupo na sala Kominsky que non conseguiron encher; a un mes de facerse dous ano desde ese concerto, fixeron sold out no hall do Auditorio Mar de Vigo, que ten un aforo de 1.400 persoas.
Nestes dous anos asistimos a un crecemento exponencial do proxecto liderado por María e Sara. Como elas mesmas din “o boca a boca” fixo que cada vez máis persoas se achegaran a velas en directo por toda a xeografía galega, que percorreron de punta a punta. Puidemos velas en salas, festas, festivais e ata Madrid, Cataluña e Bruxelas chegou a música en galego entoada na voz destas dúas rapazas.
Tampouco deixan escapar oportunidade de colaborar con outros grupos, como quedou demostrado no Auditorio Mar de Vigo onde estiveron arroupadas por artistas como Adrián de De Ninghures, Mondra, Galician Army, Tanxugueiras ou o vasco Zetak.
Aínda coa resaca emocional do venres pasado, quedamos con elas na sala Kominsky para falar destes dous anos.