CAMELIAS MASCOTAS

Festivais de música, creatividade e ciencia esta fin de semana en Vigo

Este tempo solleiro convídanos a saír da casa en busca dos mellores plans, e esta fin de semana hai uns cantos: festivais de música na natureza e de creatividade no centro, teatro, concertos, feiras de libros e de ciencia… Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

Iseo&Dodosound | P. Cermeño

RETROFEST – Venres e sábado no CC Camelias – De balde

A feira mensual do CC Camelias centrarase nesta ocasión nos libros. O venres ás 19:00 actuarán Bela&Charlo e o sábado haberá dúas presentacións dos libros de Perfecto Souto e David Bello.

FESTIVAL CREATIVA – Venres, sábado e domingo en varias ubicacións – De balde

A segunda edición do Festival Creativa arranca este venres coa inauguración da exposición de Yeye Weller e remata o domingo co podcast en directo de Flavita Banana e Ricardo Moya, ambos eventos na Galería Maraca. Entre medias, unha chea de actividades (charlas, concertos, proxeccións…) con convidados tan interesantes como Eugenia Tenenbaum, Boa Mistura ou Ricardo Cavolo e un mercado de fanzines e ilustración.

CONCERTO TRILITRATE – Venres ás 21:00 na Sala Kominsky – 10,00€

Trilitrate, banda audiovisual que mestura as videocreacións cunha música libre de xéneros, celebra o 10º aniversario da publicación do seu primeiro disco cunha reedición do álbum que se atopaba esgotado. As cadencias harmónicas, ritmos e melodías alcanzarán un equilibrio e simetría cos risos e o baile nunha noite moi especial.

CONCERTO MARILIA MONZÓN – Venres ás 22:00 en La Fábrica de Chocolate – Desde 10,00€

Orixinaria das Illas Canarias, Marilia presenta o seu primeiro álbum de estudo Prenderé una Velita, unha colección de dez cancións puras que fusionan o pop-folk coas súas raíces latinas. Producido por Juan Manuel Latorre de Vetusta Morla, este álbum é un testemuño da creatividade e o talento desta nova artista emerxente. Ao día seguinte estará ás 19:00 en Fnac presentando o seu disco cun showcase acústico.

RECORD STORE DAY – Sábado en Discos Elepé e Pick Up Discos – De balde

O 20 de abril é o día internacional das tendas de discos, o coñecido como Record Store Day. Discos Elepé organiza unha xornada con concertos (O Caimán do Río Tea e un sorpresa) e un sorteo. A escasos metros da histórica tenda, Pick Up Discos celebra o seu 7º aniversario con picadiscos en directo.

O PÉNDULO – Sábado e domingo ás 20:00 en Ártika – Desde 11,00€

O Péndulo é a nova montaxe de Inversa Teatro en coprodución co CDG, a MIT Ribadavia e a Area da Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra. Colabora o Concello de Negreira e o Concello de Vigo. Unha obra de teatro-documento que nos amosa como se desenvolveu a sublevación militar de 1936 e o inicio da Guerra Civil en Galicia. Este achegamento á nosa historia colectiva faise desde o persoal.

CONCERTO C. MIRAZO + KID MOUNT – Sábado ás 21:00 na Sala Doppler – Desde 10,00€

Considerado un dos pioneiros do trap en galicia feito en galego, alá por 2014 e tras emigrar por traballo, C.Mirazo volve para explorar distintos xéneros de música urbana, destacando cun son propio moi identificativo na súa forma de interpretar e compoñer a súa música. Cun show enérxico e cunha gran presenza escénica, C.Mirazo transmite humildade e proximidade nas súas letras, que tratan temáticas baseadas na auto-superación, a emigración… A vida en xeral dunha forma próxima e sincera.

CONCERTO ISEO & DODOSOUND – Sábado ás 22:00 na Sala Rouge – Desde 23,00€

Iseo & Dodosound comezan o ano co lanzamento do seu novo álbum “EN LA TORMENTA”, o seu cuarto traballo de estudo integramente en castelán. O dúo navarro, un dos referentes do reggae e dub estatais, vén pisando forte este 2024.

CINVIGO – Sábado e domingo na Porta do Sol – De balde

REVISTA NOVEMBRO

CINBIO, o Centro de investigación en nanomateriais e biomedicina da UVigo, sae á rúa por segundo ano organizando o festival familiar CinVigo, dúas xornadas para divertirse en familia experimentando e aprendendo. Baixo o lema ‘Ciencia na rúa’, o festival de divulgación científica volve por segundo ano á Porta do Sol co propósito de converter o centro da cidade nun laboratorio xigante. Ao longo desta fin de semana e a través de diferentes actividades, CinVigo quere trasladar á cidadanía o interese pola ciencia, fomentando que a cativada viva o proceso de investigación en primeira persoa. 

PICNIC SESIÓNS – Sábado e domingo en Radio Costeira (Saiáns) – De balde

Este ano o festival Picnic Sesións de Saiáns, organizado pola Asociación Lideiras, cambia de formato e se desenvolverá en tres eventos nos meses de primavera: 20 e 21 de abril e 12 de maio; pero sen perder a esencia e sendo fieis ao seu lema: “Natureza, cultura e comunidade”. Desde o inicio, este festival apostou pola música local, algo que non vai cambiar nesta nova edición: esta fin de semana poderemos gozar das actuacións de BlackStereo, Blues do País, The Impossiblues ou Nadie González.