Fernando Fernández: “Vigo ocupa un papel moi importante de sempre na historia da música galega”
Que a música galega está a pasar por un gran momento non é nada novo, pero isto non é algo de agora. Desde hai moitas décadas non deixan de xurdir novos talentos en Galicia, conformando unha historia e un tecido artístico envexable para o resto da península. Alguén tiña que falar largo e tendido sobre isto, e o ferrolano Fernando Fernández Rego o fixo. Ao longo das máis de 800 páxinas do seu libro Unha historia da música en Galicia, o autor percorre as últimas seis décadas da música autóctona, incluíndo centos de artistas, grupos, entrevistas, xéneros, movementos, discográficas, fotografías e todo o imaxinable. A música galega por fin ten un libro á súa altura. Podes mercalo premendo aquí.
En que momento decides facer esta enciclopedia da música galega e de cantos anos estamos a falar?
Tiven sempre en mente facelo. Xa que desde 2009 comecei a investigar e a traballar sobre elo. Foi en 2015, despois da publicación da biografía de Andrés Do Barro, Andrés do Barro. Saudade (Lafonoteca, 2015), cando decido darlle forma e relato a todo. Foron máis de 250 entrevistas e moito traballo. As entrevistas eran fundamentais porque se trataba de contar todo de maneira amena e con anécdotas de primeira man. Estes catro anos dende 2015 foron dedicados á redacción e revisión.
Moitos dos que viviron e mesmo protagonizaron a Movida viguesa din que a pesar de que foi moi importante para a música local, realmente non foi para tanto e que ten moito de marketing. Estás de acordo?
A Movida de Vigo foi moi importante por moitos motivos. Porque dela saíron grupos capitais da música galega e nacional como Siniestro Total, Os Resentidos, Aerolíneas Federales o Golpes Bajos, e grupos muy interesantes con menor recorrido como Los Cafres, Bromea o Qué?, Moncho e Mailo Sapoconchos ou Desertores. E foi unha época de creatividade e de luz, non só na música, tamén nas artes escénicas e plásticas, e na poesía… Rompente, colectivo Atlántica, Máscara 17, Artello Teatro, Tintimán… No libro adico dous capítulos á Movida de Vigo. A miña idea neles e que todos os protagonistas axudasen a facer un relato coral sobre ela, e explicasen a súa visión. Coido que é a mellor maneira de que o lector poda analizala dunha maneira máis global. Por eso nestes capítulos participan Julián Hernández, Miguel Costas, Emilio Alonso, Pablo Novoa, Silvino, Geles Feijóo… e moitos outros. Si que é certo que o feito de que saísen grupos tan grandes, acercou os focos a cidade, e a bóla de neve foi crecendo rapidamente. E tamén é innegable o achegamento dos políticos e as políticas de subvención que se establecen, tanto en Madrid como en Vigo. Todos estes fenómenos teñen as súas luces e as súas sombras.
Luz Casal, Siniestro Total, Golpes Bajos, Iván Ferreiro, Xoel López, Carlos Núñez… cal é para ti o artista galego máis relevante de todas estas décadas que abarcas no teu libro?
Para mín, sen dúbida, Andrés do Barro. Non teño ningunha dúbida. O pop en galego comeza con el. Aí están os catro números un de vendas en galego, e cancións como O tren, Corpiño Xeitoso, Pandeirada, San Antón ou Namoreime no Ferrol.
Que papel ocupa Vigo dentro da historia da música galega? Cales son as bandas da cidade que máis che gustan?
Vigo ocupa un papel moi importante de sempre, por eso no libro ocupa moitas páxinas a cidade. Desde os 60 co desenrolo dos grupos beat e ye-yé, aquelo que se chamou Vigo Ye-Yé, con grupos como Los Diávolos, Los Zuecos, Los Santos…; a Movida de Vigo, grupos como Los Piratas, intérpretes como Iván Ferreiro; colectivos na actualidade autoxestionados como a Seara… Saíron tantas cousas de Vigo. A nivel persoal sigo moito bandas como Selvática, Bifannah, Cró! e Dois.
E que grupos destacarías dos xurdidos nos últimos anos en toda Galicia?
É complexo porque vivimos unha especie de época dourada na que temos unha cantidade inxente de grupos de gran calidade en case que todos os estilos. Citar a uns e ser inxusto con outros, pero en todos os cambos xurdiron propostas importantes: folk (Baiuca, Xosé Lois Romero e Aliboria, Caxade, Xavier Díaz, Mercedes Peón…), pop con espíritu tropical (Emilio José, Bifannah…), punk noise (Telephones Rouges…), hip hop (Fluzo, Malandrómeda, Wöyza, Dios Ke Te Crew…), synth pop (Carrero Bianco, Espejos y Diamantes, Rayotaser…), rock no amplo espectro da palabra (The Soul Jacket, Dixie Town…)… moito.
Imaxino que ao longo deste traxecto descubrirías unha gran cantidade de cousas que descoñecías antes de comezar. Cal foi a que máis che sorprendeu?
Si. Neste proceso descubres moitas cousas e segues descubrindo. Hai casos que me sorprenderon como o de Manolo Mirás, autoeditándose en vinilo nos anos 60 e recorrendo gran parte do globo; Menchu, cantante ourensana que grava un EP no 62 e participa con Raphael no festival de Benidorm dese ano; Los Españoles editando discos en Xapón e tocando nas Olimpiadas de Tokio 1964… Hai moitas cousas e moitos descubrimentos.
Pensas que a música galega é tratada e recoñecida como merece no resto da península?
Creo que hai moitos artistas galegos con recoñecemento a nivel nacional e incluso internacional. Xoel López, Iván Ferreiro, Carlos Núñez, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Luz Casal, Siniestro Total… Incluso algúns como Sangre de Muérdago con máis éxito por toda Europa que aquí ou en España. Hoxe en día as propostas son máis globais en xeral.
Resúltame curioso como a pesar da calidade e da variedade das bandas de aquí, existen moitos galegos que non lle prestan atención e non as coñecen. A que cres que se debe isto e que solución atopas? Que poden facer desde as institucións para mellorar isto?
Hai que ter en conta que os tempos cambiaron. Nos 80 había tres cadenas de TV e todas tiñan programas de música. Non había internet e a xente mercaba os discos físicos, asimilando e facendo máis grandes aos grupos. Os mass media ademais difundían todos os lanzamentos. Hoxe en día na TV a música apenas está presente ou o está en programas nostálxicos ou que lle fan un fraco favor a música. Ademáis o ocio está moi repartido (videoxogos, series, películas, redes sociais…). Non obstante, coido que o público curioso e activo, si que está chegando a estes grupos.
As institucións creo que deberían protexer máis a nosa cultura popular. Que debería haber técnicos culturais en xeral con experiencia real en xestión cultural, que debería haber un proteccionismo, divulgación e difusión do noso. E que se debería custodiar a producción audiovisual do país dunha maneira seria e profesional.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024