VIALIA
PLAYDOC

Feminismo contra os tabús sexuais

A sexualidade feminina vívese moito máis libre de prexuízos que hai dez anos, pero segue faltando moita educación sexual para chegar a derrubar todos os mitos que aínda existen ao redor do sexo. As expertas aseguran que enfocar isto con perspectiva de xénero beneficia a toda a sociedade, independentemente do xénero de cada persoa.

A ollada feminista está cobrando relevancia no relato sobre a sexualidade, de xeito que as mulleres empezamos a sentirnos moito máis libres á hora de falar da nosa intimidade. «É un win-win en toda regra», afirma Emma Placer, sexóloga valisoletana asentada en Vigo, que explica que a perspectiva de xénero «fomenta o relato do pracer mutuo» nas relacións «reducindo as prácticas violentas e cousificadoras impostas pola cultura machista e heteropatriarcal». Emma asegura que hai moitos produtos propios da sociedade machista, como a pornografía, que perpetúan relacións inadecuadas e non contribúen a vivir unha sexualidade plena. Tampouco entre os homes que, sobre todo, acoden á súa consulta con problemas de disfunción eréctil e falta de desexo sexual «debido á elaboración de fantasías e estímulos irreais».

Entre as mulleres, segue existindo «un profundo descoñecemento no dereito ao pracer, mesmo bloqueos no gozo do único órgano que ten tal función: o clítoris». Por este motivo, Susana Pena, que rexenta a tenda online MiParrula Loveshop, reivindica o uso de de xoguetes sexuais e abandeira a filosofía do sex positive, é dicir, ver a sexualidade como algo natural, saudable e cotián. «O límite está no que a ti che guste», explica Susana, que engade que o máis importante é a comunicación durante as relacións.

Ambas as dúas profesionais coinciden en que a educación sexual, tanto en idades temperás como na poboación máis madura, é fundamental para eliminar aos poucos mitos e tabús existentes. «Non é cousa de que a muller sexa máis importante, senón que hai que dar cun punto de equilibrio. Aos homes encántalles que a muller se libere», engade Susana. Para Emma, alén da diferenza entre xéneros, a mirada feminista alumea a diversidade sexual. Considera que «a hexemonía heterosexual muda cando a enfocamos desde o feminismo, que nos inclúe a todas as persoas, independentemente da identidade ou orientación sexual que teñamos», conclúe.

MiParrula Loveshop

REVISTA MAIO

Con vontade pedagóxica sobre o sexo positivo a través do fomento de produtor para o autocoñecemento sexual, Susana Pena decidiu abrir unha tenda erótica virtual hai máis de dez anos. Na actualidade, MiParrula combina a venda en liña de cosmética erótica, lencería sensual e xoguetes sexuais con sesións de tuppersex, xuntanzas formativas sobre produtos sexuais cunha finalidade comercial. Na nosa bisbarra organízanse para aniversarios, despedidas de solteira ou reunións de amigas e compañeiras. En feminino, porque Susana asegura que a gran maioría destas xuntanzas responden ás demandas das mulleres. Recoñece que o feito de que a tenda sexa online achega un grao de intimidade que favorece a adquisición destes produtos. Unha vez dentro, a web ofrece acceso a un blog no que Susana transmite consellos para gozar dunha sexualidade como é debido, con moito gusto.

610 99 52 25 | hola@miparrula.com | miparrula.com | @miparrulaloveshop

Érika Martínez
Redactora