CAMELIAS MASCOTAS

Feira do libro, festas de Coia e Ed Sheeran esta fin de semana

A primeira fin de semana de xullo vén cargada de eventos para todos os gustos, especialmente no referido ás tres F: festivais, feiras e festas populares. Literatura, poesía, cosplay e moita música estes días en Vigo e noutros puntos de Galicia.  Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

FEIRA DO LIBRO – De xoves a domingo durante todo o día – De balde

Despois de dez anos probando diferentes ubicacións, a Feira do Libro de Vigo regresou o pasado luns á súa localización clásica na Praza de Compostela. Alí, case vinte casetas entre librerías e bibliotecas públicas e as dúas carpas da organización acollen numerosas presentacións, sinaturas, charlas e espectáculos infantís e ofrecen un 10 % de desconto en todos os libros que se merquen estes días.

PORTAMÉRICA – De xoves a sábado na Azucreira de Portas (Caldas de Reis) – Entradas esgotadas

O festival regresa un ano máis á Azucreira de Portas, preto de Caldas de Reis, e faino co cartel de “todo vendido” pendurado. Alí as persoas asistentes poderán gozar de artistas de primeiro nivel estatal e internacional, como Juanes, Vetusta Morla, Xoel López, Lila Downs, Toquinho, Aitana, Luz Casal, Ilegales, El Drogas ou Arde Bogotá.

Juanes | P. Vázquez

FESTAS DE COIA – De venres a mércores en Coia – De balde

As primeiras festas, e unha das máis multitudinarias, do verán teñen lugar en Coia ata o p´roximo mércores 10. O venres ás 21:00 o cineasta Álvaro Gago lerá o pregón e, nos seguintes días, a música correrá a cargo da Orquestra Panorama, América de Vigo, Combo Dominicano, Finisterre e Gran Parada, entre outros.

MÁIS ALTO QUE O CEO: LEDICIA COSTAS + MARÍA LADO – Venres ás 20:30 en Évame Oroza – De balde

Terceira xornada do festival da poesía e a oralidade Máis Alto que o Ceo, nunha sesión na que poderemos escoitar a Ledicia Costas e María Lado. Se o tempo se mantén, a sesión desenvolverase no exterior, na fermosa Praza do Abanico. Ambas as dúas escritoras volven ler xuntas despois de moitos anos, desde a desaparición do colectivo Poetas da Hostia, no que as dúas compartían escenario con outras poetas da súa xeración. Un reencontro que será unha celebración da poesía, da palabra falada e tamén da amizade.

MAría Lado | P. Vázquez

CURIOSIDADES SOLITA: Marta Mera e Martín Rigz Swing Project – Venres ás 21:00 en Villa Solita – De balde

Curiosidades Solita é un proxecto cultural no que se combina o coñecemento do patrimonio da cidade e a música en directo co obxectivo de converter Villa Solita nun espazo de encontro histórico-artístico. A cantante Marta Mera e o pianista Martín Rigz, acompañados ao contrabaixo por Juan Alonso e Juan Guerrero á batería, desenvolveran Swing Proyect, un proxecto musical creado por estes catro músicos da escena jazz galega, que farán un recorrido por algúns clásicos (e non tan clásicos) do swing, con algunha sorpresa

SOLPOR MONTEFERRO – Venres e sábado ás 19:00 en Monteferro (Nigrán) – De balde

Volve Solpor Monteferro, dous días de concertos no autoconsiderado “mellor escenario do mundo”, o miradoiro de Monteferro co solpor sobre o mar como pano de fondo. Os concertos terán lugar o venres 5 son Law, MC4 e Lesuiteband; e o sábado 6 Dr. Slump, Inmaculate Fools e DJ Ons.

FEDERAL SESSIONS: ROBER CARCOS + CEDECÉ – Venres ás 21:30 no Lar das Artes – De balde

Cedecé e Rober Carcos volven reunirse sobre un escenario como facían hai anos no extinto Federal Bar, agora no asador cultural O Lar das Artes. Repetirán o 19 de xullo e o 9 e 16 de agosto.

KOKORO JAPAN EXPO – Sábado e domingo desde as 10:00 no IFEVI – Desde 11,00€

Se es fan do manga, o anime, os videoxogos e o cosplay, este é o teu lugar! Atoparás unha ampla variedade de actividades relacionadas coa cultura pop xaponesa, desde exposicións e talleres ata torneos de videoxogos e concursos de cosplay. Tamén hai zona retro, na que poderás rememorar os clásicos xogos da infancia, e unha zona gamer. O evento é unha oportunidade única para coñecer a outros afeccionados da cultura pop xaponesa e compartir a túa paixón con eles. Haberá zona de alimentación xaponesa e tamén poderás coñecer aos artistas, ilustradores e cosplayers máis destacados do momento e adquirir produtos exclusivos nas tendas especializadas.

O GOZO FEST – Sábado desde as 17:30 no Monte do Gozo (Santiago) – Desde 95,00€

REVISTA NOVEMBRO

O proxecto O Gozo Festival, que naceu en 2023, está no punto álxido da programación da súa segunda edición, cos recentes concertos celebrados de Queens Of The Stone Age e Maná na Coruña, que resultaron un éxito rotundo, deixando dúas noites memorables para os miles de fans que asistiron. A poucos días do prato forte da programación de 2024, no que Santiago de Compostela recibirá a unha estrela mundial como Ed Sheeran, acompañado doutros grandes nomes como Bomba Estéreo, Mon Laferte, Milky Chance, Angelina Mango ou Fillas de Cassandra.

Fillas de Cassandra | P. Vázquez

VIGOSAXFORUM – Domingo ás 19:00 no CVC de Valadares – De balde

O ciclo dedicado ao saxofón VigoSaxForum regresa á cidade cunha programación de cinco días ao longo dunha semana que reúne no Centro Veciñal e Cultural de Valadares a algúns dos mellores saxofonistas estatais do momento. Ademais dos concertos abertos ao público, haberá conferencias, masterclasses e talleres de improvisación para os músicos inscritos. Este domingo ás 19:00 comenzará a programación da man de Tomás Alonso, María García e Berta Fresco.