CAMELIAS MASCOTAS

A exposición ‘Antonio Quesada. Dende o sentimento’ revive ao pintor galego

Unha trintena de paisaxes compoñen a exposición ‘Antonio Quesada. Dende o sentimento’, que se acaba de inaugurar no Teatro García Barbón e que se poderá visitar ata o vindeiro 21 de abril. A mostra rende homenaxe ao pintor galego, tres anos despois do seu falecemento.

Antonio Quesada está considerado o mellor paisaxista do século XX en Galicia. Aínda que de orixe ourensán, pasou a maior parte da súa vida en Vigo e en 2009 recibiu o título de Vigués Distinguido. “Motivos máis que suficientes para renderlle esta homenaxe”, sinala Teresa Cendón, comisaria da exposición.

REVISTA NOVEMBRO

Un total de 32 obras realizadas entre 1975 e 2005 conforman esta exposición na que a paisaxe é a gran protagonista. A familia do pintor colaborou na selección das pezas e na composición da mostra. O xoves acudían a inauguración emocionados: “Ver toda esta obra xunta é case como ver ao meu pai vivo. Porque cada unha destas pezas é un pedazo da súa alma, do seu sentimento”, sinalaba a súa filla María Fe Quesada.

A exposición, dividida en varios eixos temáticos, é unha viaxe pola evolución pictórica do artista. As obras iniciais son representacións formais e rigorosas da paisaxe. Pouco a pouco evoluciona cara unha pintura con máis movemento, máis emotiva, sensible e intimista que fai viaxar ao espectador por mundos misteriosos. Este estilo acabaría por definir ao pintor e identificalo.

A mostra que está dividida en diferentes espazos, tamén quere resaltar tres características máis da obra do pintor: Ourense, a cor e as influencias. Aínda que Quesada non pasou demasiado tempo na súa cidade natal, Ourense, hai varias obras do artista nas que retrata a cidade das Burgas. Nesta exposición atopamos tres; a través delas podemos observar a evolución do artista: a primeira é unha representación moi realista da cidade, mentres que as outras dúas son a súa imaxe soñada de Ourense. Antonio Quesada é moitas veces definido como ‘O Mestre dos ocres’, se ben é certo que hai exemplos excepcionais en ocre do autor, tamén hai moitas obras que poñen de manifesto que o artista soubo empregar ben toda a paleta de cores e así queda latente nesta exposición. Por último, un área da exposición dedicase a demostrar que non é posible enmarcar a Quesada dentro de ningún movemento pictórico. E aínda que, obviamente o que acontecía o seu redor lle podía influír, o artista só admitía ter recibido inspiración en Velázquez.