VIALIA
PLAYDOC

O Cine Tamberlick revive na Plaza Elíptica

Os cines da Plaza Elíptica reabriron este venres 2 baixo o nome de Tamberlick, aquel mítico cinema vigués que proxectou por primeira vez en 1897 na actual rúa de Eduardo Iglesias. Este novo espazo multisala ofrece pases en versión orixinal con subtítulos, aparcamento gratuíto e descontos os mércores.

En 1882 abría as súas portas o Gran Teatro Circo Tamberlick, que funcionou como espazo para espectáculos ata 1897, cando cambiou o seu nome a Cine Tamberlick. En realidade, as funcións circenses e operísticas continuaron ata comezos do século XX, como recolle J.A. Martín Curty no seu libro Cines de Vigo. O edificio, de 800 localidades nos seus comezos, foi obra do arquitecto Domingo Rodríguez Sesmero. En 1965 cambiou o seu nome a Cine Odeón (II) e finalmente foi demolido en 1991. Na actualidade uns arcos de pedra lembran o lugar que ocupaba a fachada da mítica sala.

REVISTA ABRIL

Saltamos a 2023. En febreiro os cines da Plaza Elíptica, operados por Galicine, anunciaban o cese da súa actividade. Meses despois anunciouse que reabrirían baixo o nome de Cines Tamberlick, e esa volta tivo lugar o venres 2 de xuño. Na súa carteleira atopamos títulos ben distintos dos que proxectaba o antigo Tamberlick: Como Dios manda, El sabor de las cosas simples, Fast and Furious X, La Sirenita, Super Mario, Guardianes de la Galaxia Vol.3, Spider-Man: cruzando el multiverso

Unha das novidades que atopamos, unha práctica pouco habitual na maioría de cines da cidade, é a inclusión de filmes en versión orixinal con subtítulos en castelán (VOSE). Neste caso, hai sesións en VOSE de case todos os filmes estranxeiros, onde poder escoitar voz orixinal dos actores sen necesidade de dobraxes. Isto supón unha gran mellora na oferta cinéfila de Vigo, pois ata o momento só os Multicines Norte, orientados a cinema independiente, ofrecían habitualmente esta opción. Poder ver tamén os blockbusters na súa lingua orixinal é un paso adiante respecto ao seu predecesor e a competencia.

O día do espectador destes novos Cines Tamberlick é os mércores (agás festivos), cun prezo de 5 euros por billete. Con cada entrada, ademais, gozas de tres horas e media de aparcamento gratuíto.