CAMELIAS MASCOTAS

Explorando a natureza en familia con Alados

Os cativos precisan estar en contacto coa natureza, mancharse, correr en liberdade e coñecer a todos eses bichiños, animais, flores, plantas e demais elementos marabillosos que conviven con nós. Alados Medioambiente propón unha actividade de bosquinenos para explorar a nosa contorna en familia. Este domingo a tribu de Vigo reúnese en Nigrán.

REVISTA NOVEMBRO

Os bosquinenos son un grupo de xogo de aprendizaxe activo na natureza no que participan cativos e adultos. Unha actividade que consiste en explorar o noso entorno en familia e descubrir os moitos segredos que se agochan aí fóra. Pequenos e maiores seguen o rastro de animais, xogan a saltar os charcos (ou a chapotear neles), e coñecen, a través de xogos, a fauna e flora que convive con nós.

As actividades de bosquinenos están dirixidas a nenos de 5 a 10 anos e os minibosquinenos a cativos de 2 a 4 anos. Detrás desta iniciativa está Alados Medioambiente, unha asociación que tal como eles mesmos explican ten por obxectivos: Sacar aos nenos das casas, liberalos da rutina e do estrés, inculcar neles o amor e respecto pola natureza, fomentar ao aire libre o desenrolo da imaxinación e creatividade, loitar contra o sedentarismo, favorecer a sensibilidade a través da experiencia, estimular os sentidos sen sobreestimulalos e promover a motivación e curiosidade cara o aprendizaxe.

Esta fin de semana, a tribu de Vigo reúnese en Nigrán. Nesta ocasión o tema proposto por Alados é o litoral. A actividade de dúas horas de duración consistirá nun paseíño para explorar en familia: charcas intermareais, a área e o mar que está cheo de vida. Despois, cada neno axudado pola súa familia decorará un boteciño de Lembranzas do Mar. Haberá un pícnic na praia para repoñer forzas e os Minibosquinenos gozarán tamén dunha mini sesión de contacontos. Para participar nesta actividade é preciso inscribirse.