Foresta, aprendizaxe activa na natureza
En Foresta os nenos marcan o seu ritmo de aprendizaxe, nunha contorna rodeada de natureza na que se lles inculcan valores como o respecto ao medio ambiente e a vida saudable.






Seguramente escoitaches falar de métodos pedagóxicos alternativos ou diferentes do que se considera a ensinanza tradicional como por exemplo a metodoloxía Montessori, Waldorf, Reggio Emilia ou mesmo bosqueescolas. Todas elas teñen algo en común, a aprendizaxe activa. Pero, ás veces, non temos de todo claro en que consiste isto da ensinanza activa. Podemos dicir que, na pedagoxía activa, o neno ou nena é o centro da aprendizaxe, eles mesmos son os que marcan os ritmos e os educadores ou educadoras son os que se adaptan a eles e a este proceso.
Unha das escolas máis sobresaíntes neste ámbito é Espacio Foresta. Un centro de aprendizaxe activo na natureza, emprazado en Vincios, onde os nenos e nenas de 3 a 6 anos se desenvolven nun entorno natural. Aprenden a través do xogo, das súas experiencias e da súa liberdade para explorar, descubrir o medio que os rodea e con todo isto, a eles mesmos. Como nos explica Noa, coordinadora deste espazo, iso dálles aos cativos moitísima máis autonomía e confianza neles mesmos.
En Foresta, son os propios alumnos os que deciden as actividades e proxectos que queren levar a cabo segundo os intereses que teñan en cada momento. O seu horario é de 9.00-13.45h, seguido do comedor que abrangue ata as 15.30. O horario de entrada e saída é flexible, o que quere dicir que os alumnos dispoñen da primeira e última hora para realizar as súas entradas ou saídas respectivamente.
A ratio coa que contan para este novo curso escolar e de 18-19 alumnos aproximadamente. Son un grupo mixto en todos os sentidos. Esta característica moitas veces preocupa aos pais, pero a realidade é que aprenden a axudarse e respectarse uns a outros sen importar a diferenza de idade que exista entre eles.
O proceso de adaptación é totalmente diferente ao das escolas convencionais, xa que en Foresta non hai un tempo definido para isto e realmente comézase na casa. Trátase dun proceso totalmente respectuoso durante o cal, explícanos Noa, “o ritmo desta adaptación márcao cada neno ou nena, sen forzar nin acelerar o proceso e onde as acompañantes, que van a ter durante o curso escolar comezan este transcurso na casa do alumno para xerar ese vínculo de confianza e afecto”. Deste xeito, a escola convértese nun fogar ampliado ou nun segundo fogar onde sentirse cómodo e seguro. O mesmo pasa co control de esfínteres dos cativos que se inician á escola. “Todos os anos temos nenos e nenas que aínda utilizan cueiro. Para nós non ten ningún tipo de sentido forzar a que veñan sen el ou acelerar ese cambio, aos pequenos respéctaselles o ritmo en todo. Ata que estean preparados para cada avance non valoramos ningún cambio”.
En canto ao servizo de comedor, cóntannos que iso é algo que as familias deciden día a día, xa que son eles mesmos os que levan a comida da casa. A cota é a mesma, independentemente de se empregan o comedor un día ou todos. Cabe destacar que a alimentación é un tema fundamental na filosofía deste lugar. Apostan por unha alimentación totalmente saudable onde non teñen cabida os alimentos procesados ou azucres. Ademais, traballan a horta e os alimentos que cultivan neste espazo poden despois comelos. Con todo isto pretenden inculcar uns hábitos de alimentación o máis saudables posible.
En Foresta traballan moito a conciliación medioambiental. Os pequenos crean consciencia de que son parte da natureza e deben respectala. “ Eles mesmo collen bolsas de lixo para recoller calquera residuo que se atopen ou coidan cada becho que descobren cun amor infinito”, sinala Noa.
En definitiva, Espacio Foresta é un lugar no que poder saltar, correr, trepar, arrastrarse, esconderse e ensuciarse, independentemente do tempo que faga. Liberdade e aprendizaxe en estado puro.
Máis información:
Web: www.foresta.com
Email: espacioforesta@gmail.com
Enderezo: Salgueiro, 36, 36316 – Vincios (Gondomar)
Se queres saber máis sobre o proxecto, o sábado 27 teñen unha xornada de portas abertas online na que te podes inscribir a través de correo electrónico espacioforesta@gmail.com.
Últimos posts de Lourdes Tomé (ver todos)
- Mobility Kids: a mobilidade como centro da saúde - 10 Xullo, 2023
- Kids&Us, inglés desde o primeiro - 22 Xuño, 2023
- Un verán no xardín - 5 Xuño, 2023
- Nubes Blancas, actividades estivais adaptadas aos máis pequenos - 24 Maio, 2023
- La Fábrica Fotografía: comungando cos recordos - 14 Abril, 2023