XXXI Semana de Cine Submarino

08nov20:00XXXI Semana de Cine SubmarinoACTIVIDADES PARA O COCO | De balde20:00(GMT+01:00) Teatro Afundación

Detalles do eventos

Conscientes da importancia que o mar ten para esta cidade e para toda Galicia, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo organiza, coma cada novembro, a Semana de Cine Submarino, que este ano celebra a súa 31ª edición. A cita e os días 8, 9 e 10 de novembro, a partir das 20h, no Teatro Afundación. A entrada é de balde.

Só se ama o que se coñece. Baixo esta premisa,o festival achega á cidadanía unha selección de documentais que nos permitirán viaxar a través da pantalla a lugares do máis dispar: este ano sairemos da ría de Vigo e dirixirémonos ao río Douro para descubrir as especies que o habitan; concienciarémonos coa sobreexplotación das quenllas e coñeceremos a historia fascinante do pecio do Umbría; por último, viaxaremos aos lugares máis profundos dos océanos cun dos seus protagonistas, que nos acompañará para compartir con todas as persoas que o desexen as súas experiencias, ao igual ca os outros dous convidados da semana.

Programa martes

20h – MAR LIMPO, MAR VIVO
Bioimaxe
Documental / Galicia / 13 min.

O programa «Recollida de residuos mariños na zona da Confraría de Pescadores de Vigo», ten como principal obxectivo a protección e a recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sostibles mediante a recolección de lixo mariño coa participación da industria pesqueira.

20:15h – ONE BREATH AROUND THE WORLD
Les films Engloutis
Documental / Francia/ 13 minutos

Imaxina poder mergullarte libremente no océano, sen medo á vida alí abaixo, ou sen necesidade de osíxeno, non sería incrible? É a paixón dun apneísta gañador en dúas ocasións do título de campión do mundo, convertida a través dun enfoque artístico.En 2015 sufriu un grave accidente mentres realizaba a inmersión máis profunda da historia cunha profundidade de -139 m, tras un erro de medición da organización.

20:30h – DURIENSES: OS ENDEMISMOS DO DOURO
Bicho Producciones
Documental / España / 54 minutos

De a cabalo entre dúas rexións bioxeográficas, o río Douro vertebra unha enorme diversidade de paisaxes froito do encontro da Europa do norte coa rexión mediterránea. Pero máis aló desta fusión de paisaxes os últimos descubrimentos científicos supuxeron unha achega sorprendente á biodiversidade dentro das súas augas: dúas de cada tres especies de peixes do Douro son únicas no mundo e non se dan en ningunha outra parte do planeta.

Programa mércores

20h – RUMBO AO PASADO
We Are Water Films
Documental / España / 51 minutos

A sobreexplotación pesqueira en todo o mundo ten decimado as poboacións de quenllas de forma dramática nos últimos cincuenta anos. A progresiva perda dun superdepredador como a quenlla en todos os mares supón unha arrepiante ameaza porque elas son as encargadas de manter en orde os ecosistemas mariños.

20:50h – HISTORIA DUN PECIO
We Are Water Films
Documental / España / 13 minutos

O Umbría é, sen dúbida, o soño de calquera amante do mergullo e dos naufraxios. As súas dimensións, a súa accesibilidade, o valor histórico da súa carga, o seu magnífico estado de conservación e a explosión de vida que nace das súas entrañas convérteno nun dos mellores pecios do mundo.

Programa xoves

20h – EXPEDITION DEEP OCEAN
Atlantic Productions / Warner Bros. Discovery
Documental / Estados Unidos / 42 minutos

Como parte da expedición «The Five Deeps» coa que se pretende visitar o punto máis profundo de cada océano, o explorador estadounidense Víctor Vescovo e o seu equipo diríxense ao océano Índico, onde se atopa a fosa de Java.

20:50h – DESCENSO Á FOSA DAS MARIANAS

Conferencia con Héctor Salvador

Máis

Hora

(Martes) 20:00(GMT+01:00)