CAMELIAS MASCOTAS

SonDeSeu homenaxea a Rodrigo Romaní

15xuñ20:30SonDeSeu homenaxea a Rodrigo RomaníCONCERTOS | De balde20:30(GMT+02:00) Teatro Afundación

Detalles do eventos

O vindeiro 15 de xuño o Teatro Afundación acollerá un concerto da orquestra folk SonDeSeu que servirá como homenaxe e reinterpretación da obra de Rodrigo Romaní, quen durante 21 anos foi director desta formación. Segundo os representantes da Fundación SonDeSeu, organizadora do evento, o músico noiés é “una figura esencial na evolución da música galega dos últimos 45 anos”, tempo no que Romaní elaborou composicións e arranxos para bandas tan salientables como Milladoiro ou a mesma SonDeSeu Orquestra Folk de Galicia, así como para os seus proxectos en solitario. O concerto levaráse a cabo en formato “semiacústico”, e nel participarán os máis de 50 músicos que integran as nove seccións de SonDeSeu: requintas, violíns, zanfonas, gaitas, arpas, contrabaixos, canto, percusións e buzuquis. No tocante ao repertorio, e en consonancia co nome do evento, será enteiramente da autoría do homenaxeado e nel constarán principalmente temas pensados para a orquestra folk viguesa, aínda que tamén haberá lugar para pezas que se deron a coñecer nas publicacións discográficas de Milladoiro e que hoxendía forman parte do noso imaxinario colectivo.

Durante o pasado 2022 (e cun ano de retraso por mor da pandemia) SonDeSeu levou a cabo a súa “Xira de XX Aniversario” por teatros das cidades galegas, xira coa que Rodrigo Romaní se despediu como director da orquestra. Durante eses vinte anos SonDeSeu pasou de ser un proxecto didáctico dunha escola de música (o Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD) a participar nos festivais máis importantes da música folk, tanto de España (Ortigueira, Segovia, Plasencia, Orejo) como do resto de Europa (Aosta, Cork, Lorient, Glasgow) e a levar os ritmos galegos por unha amplia xeografía musical, de Setúbal a Barcelona e de Madrid a Helsinki. Boa parte deste percorrido foi posible grazas á capacidade de Romaní para idear proxectos como a Rede Europea de Orquestras Folk, que durante cinco anos involucrou a músicos de seis países europeos, ou O Canto das Illas, que reuniu a máis de douscentos artistas para reivindicar as Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade.

Á marxe da súa traxectoria en Sondeseu OFG, Rodrigo Romaní foi un dos fundadores de Milladoiro, participando nos doce primeiros traballos discográficos da mítica banda, coa que acadou premios tan sinalados como o Predrón de Ouro de 1984, o Goya pola banda sonora do filme La mitad del cielo (1986), unha mención nos Indie Awards de 1992, o premio Galegos Egrexios (1999), Premio da Música (2000), a Medalla Castelao (2004) e un longo etcétera. En 1996 fundou o Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, que dirixe ata hoxe xa co nome de Escola Municipal de Música Folk e Tradicional. Desde 2014 dirixe tamén o Noia Harp Fest, un festival internacional que xira arredor da arpa céltica. Ademáis da súa participación en Milladoiro e Sondeseu OFG (con cinco discos) e Milladoiro conta tamén con catro traballos en solitario: Albeida, Cantos Caucanos, As arpas de Breogán e Fíos de ouro no ar.

A entrada será gratuita, previa retirada das invitacións que, a razón de unha por persoa, serán distribuidas na secretaría da ETRAD (García Barbón, no 5) a partir das 16:00 horas do luns 12 de xuño.

Máis

Hora

15 xuño, 2023 20:30(GMT+01:00)