Setenta e cinco anos coa montaña
Detalles do eventos
Esta mostra pretende dar a coñecer algúns anacos da Historia do club Peña Trevinca dende a orixe mesma do xerme que o promoveu. Porque é precisamente ese xermolo
Detalles do eventos
Esta mostra pretende dar a coñecer algúns anacos da Historia do club Peña Trevinca dende a orixe mesma do xerme que o promoveu. Porque é precisamente ese xermolo o primeiro que cómpre destacar como inicio do montañismo na nosa terra. A creación deste club foi unha actuación promovida por persoas que, xa nos últimos intres da II República, frustrada en xullo de 1936, querían facer agromar o deporte ao aire libre como un medio de enriquecemento persoal, nun espazo de liberdade, onde homes e mulleres tiveran na Natureza un lugar de ocio, esparexemento e sociabilidade.
Non puido ser así e tiveron que agardar uns anos máis para facer realidade os seus soños, nunha situación adversa, chea de sombras e castrada nas liberdades. Porque coñecemos eses primeiros pasos e as persoas boas e xenerosas que os deron, queremos traer aquí, case un século despois, as pegadas que dende o comezo dos anos trinta se encamiñaban dende Vigo cara ao nacemento do montañismo asociativo en Galicia e que, nun encontro casual con outros pasos iniciados no Barco de Valdeorras, tiveron como resultado a fundación do Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, que floreceu na primavera de 1944.
Nun percorrido circular por esta Casa Galega da Cultura, poderedes pasear cronoloxicamente polos altos e baixos que compoñen a esencia de 75 anos de existencia do club. Cumes e vales onde poder albiscar algunhas das ilusións e conquistas da asociación e dos seus socios que, neste longo camiño, portaron e seguen levando unha mochila na que a amizade e o compañeirismo segue a ocupar un espazo importante.
Máis
Hora
20 xullo, 2020 18:00 - 23 agosto, 2020 14:00(GMT+01:00)
Localización
Casa Galega da Cultura
Casa Galega da Cultura 36202 Vigo Pontevedra
Séguenos nas redes