REVISTA ABRIL

Presentación ‘Canto de emigración’

07mar19:30Presentación ‘Canto de emigración’ACTIVIDADES PARA O COCO | De balde19:30(GMT+01:00) Biblioteca EMAO

Detalles do eventos

A Clásica, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, edita o libro ‘Canto de emigración. Historia da música de Teódulo R. Páramos’, unha investigación sobre a música e a figura de Teódulo R. Páramos e os espazos de lecer en Vigo entre 1920 e 1950. A presentación do libro, que serve de acompañamento á vindeira cita coa Clásica, é o martes 7 de marzo, ás 19:30 horas na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo con entrada libre.

A historia do compositor tudense resultou ser a dun músico de café, un artista de diario que se movía entre cafés, teatros, cinemas, cuplés, cabarés e transatlánticos. O libro, editado por Manuel Martínez Torres e escrito por el mesmo xunto ao cineasta Pepe Coira, o pianista Alejo Amoedo e Marcos Amado Rodríguez “Santiso”, pon o foco no contexto e nos espazos próximos da cidade para tecer unha historia de moitos empregando como fío as pegadas que deixou a vida de Teódulo. Grazas a seguir os pasos do compositor, o público poderá coñecer a vida musical na cidade de Vigo entre 1920 e 1950, un tempo previo á reprodución mecánica da música.

O libro ‘Canto de emigración’ pon en valor o traballo destes músicos fundamentais daquela época, elaborando unha biografía e catalogación da obra de Páramos e deixando constancia do seu traballo ao localizar e identificar os materiais existentes. O seu arquivo de partituras mostra o eclecticismo propio da época, na que se combinaban os tangos, os foxtrots, as muiñeiras ou os pasodobres, obras de produción propia mesturadas con pezas que lle enviaban outros artistas ou que mercaba nas súas viaxes en barco. Estes arquivos son unha testemuña do gusto musical dunha época e unha demostración da modernidade da cidade de Vigo nesas décadas.


A Orquestra Clásica de Vigo interpretará en directo a banda sonora do filme ‘Canto de emigración’ o sábado 25 de marzo, ás 20:30 horas no auditorio do Teatro Afundación.

Máis