VIALIA
bannerPicnicSesions

O escritor Diego Giráldez presenta 'O meu sangue' este venres en Cartabón

10xuñ20:30O escritor Diego Giráldez presenta 'O meu sangue' este venres en CartabónACTIVIDADES PARA O COCO | De balde20:30(GMT+02:00) Libraría Cartabón

Detalles do eventos

Este venres, o escritor Diego Giráldez presenta a súa nova novela ‘O meu sangue’ (Editorial Galaxia) na Libraría Cartabón de Vigo, ás 20:30h., e estará acompañado pola escritora Anna R. Figueiredo.
Durante a presentación, os autores conversarán sobre a que é a novela máis persoal do escritor. Un libro que gardou nun caixón durante 2 anos, que viu a luz a principios deste mes de maio e que xa está a obter comentarios moi satisfactorios tanto do público como dos críticos, que chegaron a dicir de “O meu sangue” cousas como que “é unha das grandes
novelas do ano”
, que “con esta novela o autor sae do cómodo e sobe a aposta” ou mesmo “que é unha lectura moi recomendable e estimulante”.
En “O meu sangue”, Diego Giráldez compón un gran tapiz que nace da intimidade dun corazón desafiuzado que loita por recompoñerse. O meu sangue é unha intriga que nos arrastra ao particular descenso aos infernos do protagonista e a unha defensa irracional do que nos fai máis felices: os seres e os lugares queridos.

Sinopse da novela
Empatizarías con alguén que humilla o teu sangue? Ata onde serías capaz de chegar para defender o que máis queres?
Para David Ledesma, que soña con ser un escritor de éxito de novela negra, un disparo ridículo nunha perna é o colofón da súa vida con Belén e o comezo dunha relación tráxica con María. A partir de aquí, o protagonista mergúllase nunha trama onde a violencia, a maldade e o amor entretecen un relato de vinganza.

Sobre o autor
Diego Giráldez (O Porriño, 1976). Exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais. Ademais de coordinar varias cabeceiras, colaborou como columnista de opinión nos xornais A Nosa Terra e Xornal de Galicia e, a través de reportaxes culturais, con El País. Na actualidade, faino co diario dixital Praza Pública e a revista Luzes. Fundou e dirixiu as revistas Malladoura e CanZine e escribiu libros relacionados coa arquitectura e a historia económica de Galicia.
En 2016 publicou o libro de relatos curtos “Galería de saldos”, o seu primeiro traballo de narrativa, polo que foi elixido “Autor galego do ano” pola revista Fervenzas Literarias. En 2019 publicou en Editorial Galaxia a novela “Hotel para coleccionistas discretos” e participou nas obras colectivas “O libro dos trens” e “A secreta melancolía da garza” (Galaxia, 2019).
Entre os galardóns que recibiu destacan o Premio Literario José Saramago de relato curto (2010), o primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo (2015) e o Premio Literario Manuel Murguía (2016). En 2020 quedou finalista do XVII Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego.

[FOTO DESTACADA: MARÍA DÍAZ]

Máis

Hora

(Venres) 20:30(GMT+02:00)

Localización

Libraría Cartabón

Calle de Urzáiz, 125, 36205 Vigo, Pontevedra

Other Events