VIALIA
bannerPicnicSesions

Noite Branca

14ago20:0023:59Noite BrancaARTE E MUSEOS | De balde20:00 - 23:59(GMT+02:00)

Detalles do eventos

Este venres, entre as 20:00 e as 2:00 da madrugada, a Rede de Museos Municipais gozará dun novo ambiente grazas á Noite Branca. Desgrazadamente, a situación actual non permite gozar desta noite tan especial en todo o seu esplendor, polo que haberá que agardar a outra ocasión para recuperar a presenza de todos os centros que normalmente participaban.

A iniciativa mantén a filosofía de gratuidade, sustentabilidade e participación que vén sendo habitual. Evidentemente, a seguridade vai ser prioritaria, mantendo a distancia de seguridade e vixilando a capacidade máxima de cada recinto. O uso de xel, máscara e de códigos QR para evitar os folletos informativos tamén están asegurados.

Se queres consultar a programación de concertos na Noite Branca, preme aquí.

PAZO-MUSEO MUNICIPAL “QUIÑONES DE LEÓN”

Parque de Castrelos

  • PAZO-MUSEO. VISITAS
    Horario de apertura: de 20:00 ata as 02:00 h
  • EXPOSICIÓNS:
    • COLECCIÓN ARQUEOLÓXICA.
    • RECREACIÓN DO PAZO GALEGO E COLECCIÓN DE PINTURA ANTIGA E
      ARTES DECORATIVAS.

PINACOTECA “Francisco Fernández del Riego”
Rúa Abeleira Menéndez, 8

  • Ampliación de horario de apertura. Ata as 02:00 h
  • EXPOSICIÓNS:
  • “MUSEO “QUIÑONES DE LEÓN. NOVAS INCORPORACIÓNS DE ARTE
    GALEGA, 2015- 2020”. Planta baixa
    O museo municipal de Vigo “Quiñones de León” presenta con esta exposición unha selección ampla dos fondos que ingresaron na súa colección de arte galega nos últimos cinco anos. Maioritariamente estas obras chegaron ao museo por doazón. Ingresaron así conxuntos amplos de autores que ata o de agora non tiñan representación ningunha na colección; destacando o caso do gran artista Tomás Barros que, tras un relativo esquecemento, está a concitar crecente interese por parte da crítica especializada. Xunto a este conxunto preséntanse, dos mesmos doantes, as dúas extraordinarias series de tintas que Isaac Díaz Pardo produciu para os proxectos literarios de Barros. Coas novas incorporacións outros pintores reforzaron a súa presenza na colección municipal. É o caso dos grandes paisaxistas Abelardo Bustamante ou Carlos Sobrino; o do pintor compostelán López Garabal; ou do lembrado Xosé Guillermo, pintor con forte proxección en Vigo do cal se presenta un singular autorretrato. Como depósitos temporais o museo ten recibido a confianza de dúas importantes institucións. Do ámbito estatal o MNCARS, Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, quen volveu negociar co Quiñones o seu antigo depósito, ofertando magníficos exemplos de Xosé Freixanes – sen representación na colección ata este momento- ou Colmeiro. En segundo lugar o Concello de Vigo, moi atento a colaborar coas entidades locais, brindouse a custodiar temporalmente a pequena pero moi interesante colección do Círculo Mercantil de Vigo e da cal se mostra aquí unha selección formada por autores como Lodeiro, Sevillano, Sobrino ou Antonio Fernández.
  • “A NOVA COLECCIÓN COLMEIRO”. Planta terceira.
    Manuel Colmeiro Guimarás (1901- 1999) está considerado un dos membros máis destacados do grupo de Os Novos, artistas galegos que, cara a década dos 30 do pasado século XX, renovaron á linguaxe artística de Galicia ao incorporarlle as revisións que a arte experimentaba en Europa desde finais do século XIX. Dentro de Os Novos, e posteriormente ao longo de toda a súa carreira, Manuel Colmeiro amosará unha personalidade única que, en permanente e coherente evolución artística, farano referencia imprescindible na historia da arte galega contemporánea. O 17 de novembro de 2017 o Concello de Vigo recibe dos herdeiros do Manuel Colmeiro un importante conxunto de obras do pintor formado por 21 óleos e 145 obras sobre papel.
  • Esta nova colección Colmeiro só caber valorarse como excepcional pola ampla súa cronoloxía; pola súa variedade de temas e técnicas; pola certa calidade das obras,especialmente dos óleos pero tamén de series sobre papel como “Os desastres da Guerra”.

CASA GALEGA DA CULTURA
Praza da Princesa, 2

  • Ampliación do horario de apertura. Ata as 02:00 h
  • EXPOSICIÓN:
  • “75 ANIVERSARIO DO CLUB PEÑA TREVINCA MONTAÑEIROS DE GALICIA”
    Trátase dunha exposición de contido documental, que mostra as distintas fases polas que pasou a entidade, dende os anos 50 ata a actualidade. Documentos, fotografías, un manuscrito de Don Ramón Otero Pedrayo (socio de honra do club), material deportivo da época, etc..

CASA DAS ARTES
Policarpo Sanz, 15

  • Ampliación do horario de apertura
    Ata as 02:00 h
  • EXPOSICIÓNS:
  • INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “SILVERIO RIVAS. MENTE-MATERIA”. Planta baixa. 20:00 h.
  • Silverio Rivas, Mente / Materia é unha exposición que ofrece unha síntese do traballo que Silverio Rivas (Ponteareas, 1942) vén realizando nos últimos cincuenta anos. Comisariada por Javier Pérez Buján, a exposición ofrece unha cartografía da súa traxectoria, partindo dunha estudada ocupación do espazo, estruturado a partir de tensións provocadas pola utilización de diferentes escalas, texturas, orientacións e cromatismos que van modulando o ritmo do seu percorrido. Mente / Materia mostra a preocupación de Silverio Rivas polo equilibrio entre ideas opostas como gravidade / levidade; baleiro / cheo; interior / exterior; xeométrico / orgánico, ideas que van configurando un corpus artístico que atopa a súa razón de ser na exploración dos límites expresivos e plásticos, evidenciando un pensamento utópico que xera novas relacións entre obxecto e suxeito.
  • “COLECCIÓN LUIS TORRAS”. EXPOSICIÓN PERMANENTE. Planta segunda.
  • “FUNDACIÓN LAXEIRO”. Planta terceira
  • “EXPOSICIÓN PERMANENTE”.
  • “ELISA TERROBA. TECER OS REFERENTES”.
    Despois do éxito colleitado na última edición da Feira Estampa en Madrid, coa galería La Gran, a artista malagueña Elisa Terroba chega á Fundación Laxeiro para presentar a súa primeira exposición individual en Galicia. Comisariada por Yaiza González e Pedro Gallego de Lerma, Tecer os referentes proponse como un exercicio de post produción co que a artista busca desmontar, disolver e fragmentar o libro para volvelo montar de forma diferente, deconstruíndo e pervertendo as súas estruturas, construíndo unha nova orde matemática e incidindo na realidade híbrida que o libro vive na actualidade e na modificación da súa linguaxe na sociedade dixital. O proxecto enmárcase na investigación que a artista leva realizando nos últimos anos sobre o significado do libro como ferramenta de transmisión de coñecementos.

  • “ SON EU. 18 AUTORRETRATOS DE LAXEIRO. DA AFIRMACIÓN Á
    DISOLUCIÓN DO SUXEITO”
    Os dezaoito autorretratos compoñen, no seu conxunto, un percorrido excepcional da evolución plástica do artista, mais tamén da evolución do xénero do retrato ao longo do século pasado, ademais de supoñer unha oportunidade única para comprobar de primeira man, as diferentes interpretacións que o artista fixo de si mesmo, en diferentes técnicas como o lapis, o carbón, a tinta e o óleo, a través de sesenta anos de traxectoria. Comisariada por Carlos L. Bernárdez, o proxecto analiza a evolución da autorrepresentación do artista e a representación do rostro humano dende a época das vangardas ata o último terzo do século XX. A expresión Son eu, escrita polo pintor nalgunhas das pezas expostas, serve de punto de partida para afondar nesa interpretación do propio rostro e da identidade subxacente que todo retrato leva implícita.

MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Rúa do Príncipe, 54

  • Ampliación do horario de apertura
    Ata as 02:00 h
  • EXPOSICIÓNS:
  • MANUEL COLMEIRO. ESPAZOS E ENCADRAMENTOS. Salas do primeiro andar
    Como inicio da programación 2020, o MARCO inaugurou unha mostra de produción propia, comisariada por Xosé Carlos López Bernárdez, que ten como obxectivo ofrecer unha nova ollada sobre a obra dun dos pintores chave na historia da arte galega: Manuel Colmeiro. Baixo o título Espazos e encadramentos, e conformada por unha selección de obras procedentes do comodato e de diferentes coleccións, acompañadas de material documental, a mostra configúrase a partir dunha coidada investigación e relectura do sentido, obxectivos e incidencia da obra de Colmeiro. Unha visión diferente, máis contemporánea que historicista, que intenta achegar novas lecturas e enfoques. Faise especial fincapé na implicación do artista nos debates arredor da figuración na Europa e América dos anos vinte e trinta, os debuxos de guerra, e outros momentos menos coñecidos do seu traballo.
  • “YOLANDA HERRANZ. …NO AÚN NO…”. Sala de proxectos (1o andar)
    Con …NO, AÚN NO…, de Yolanda Herranz, o MARCO dá visibilidade a unha artista máis ocupada en animar e facer posibles proxectos colectivos e presentacións de grupo ca en resaltar o seu traballo individual, dunha sorprendente coherencia. A proposta céntrase nas obras nas que xoga co sentido e forza dos conceptos, co poder da mensaxe, da intención. A palabra convértese en dimensión e enerxía escultórica.

MUSEO LISTE-Etnográfico de Vigo
Rúa Pastora 22

  • AMPLIACIÓN DE HORARIOS DE APERTURA.-
    Ata as 01:00 h
  • ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS:
    20:00 h. “O Recanto de Molist”. Inauguración na Sala da Luz da colección de faros de bicicleta que acolle en depósito o Museo, pertencentes a D. Luís Molist Rodríguez. Presentan: Carmen; Pilar e Luís Molist.
    Recepcións ata completar aforo
    20:30 h. “Festas gastronómicas galegas no verán e cociñeiras de batalla”
    Charla a cargo de Xavier Castro Pérez, catedrático de historia e escritor, experto na historia da alimentación en Galicia. Comisario da exposición temporal que exhibe o Museo : “A Mesa Farta: etnoloxía e cultura alimentaria de Galicia” .
    Duración: 1:30 h.
    Reserva Previa: 986 244698 recepcion@museoliste.org
    Recepcións ata completar aforo .
    21:30 h. e 23:30 h. Pases guiados: especial Familia Etnográfica Guiados pola exposición permanente e temporais: “A mesa farta”; “Do paínzo ao millo”, no que se poderá contemplar, ademais, unha escolma de pezas doadas pola “Familia Etnográfica” nos derradeiros anos.
    Duración: 1 h. Por pase
    Recepcións ata completar aforo.

VERBUM-Casa das Palabras
Avda. de Samil, 17

  • Ampliación de horario de apertura
    Ata as 02:00 h
  • EXPOSICIÓN PERMANENTE.
  • “ VERBUM CREATIVO”: Concebido como un espazo de conciencia, experimentación e creación baseado nas propostas de artistas de diferentes disciplinas, onde o público poderá participar nalgunhas delas.
  • Instalación “Sombras”: Proposta baseada na arte contemporánea e a exploración sensorial, que pretende xerar un espazo onde o público sexa protagonista e creador da súa propia experiencia.
    Artista: Cristina González Larriba
    Ubicación: Auditorio
    Horario continuado: 20:30 a 22:30 h
    Para todos os públicos
    Aforo: 12 persoas
  • Laboratorio de experimentación artística “Paisaxes de luz”: Invitaremos a investigar a luz como ferramenta de creación artística e creativa, utilizando diferentes procesos e medios de proxección.
    Artista: Cristina González Larriba
    Ubicación: Auditorio
    Horario: 23:15 a 01:00 h
    Público adulto
    Aforo: 8 persoas por quenda (quendas de 30 min)
  • Laboratorio artístico “Pim, pam, pum: ¡Tela, papel, tesoira!”: A través deste laboratorio artístico conectamos coa relación de arte, inventiva e ciencia, a través da realización de tres obras colaborativas e simultáneas, que se irán desenvolvendo ao longo do tempo do laboratorio.
    Artista: Iria Vázquez
    Horario continuado: 20:30 a 22:30 h
    Número sesións: 3 de 45 minutos
    Público familiar
    Aforo: 12 persoas por sesión
    Recomendacións: levar roupa cómoda e traer materiais cotiás en desuso. Estuche persoal con: Lápiz (lápis), goma, afila-lápiz, tesoiras, lápices de colores (cores) ou rotuladores, 2 recipientes de yogur (iogur), un retal de tea. Obxeto (obxecto) en desuso · Libro para reciclar, camiseta ampla ou mandilón.

  • Laboratorio de movemento: A partir da instalación “Sombras” producida por Arte y Garabato, e respeitando a espontaneidade das persoas transeúntes, proporanse unha series de xogos que involucren o movemento natural coa iluminación. A través das sombras de cores proxectadas na parede, e tendo en conta a distancia de seguridade, poderanse crear imaxes de persoas a distintos tamaños segundo a proximidade coa luz. Nese momento a creatividade do público é esencial.
    Artista: Marcia Vázquez
    Ubicación: Auditorio
    Dous pases de 15 minutos: 21:15 e 22:15 h.
    Para todos os públicos
    Aforo: 12 persoas
  • Circo contemporáneo “Analepsis”: Escea Retrospectiva, “ANALEPSIS”, propón a historia conectando momentos distintos e trasladando a acción ao pasado.
    Artista: Paula Quintas
    Ubicación: Lateral exterior do museo
    Horario: 2 pases de 20 minutos, ás. 20:45 e 21:30 h
    Para todos os públicos
    Aforo: 60 persoas en cadeiras
  • Obradoiro de fotografía: Para este obradoiro imos usar aqueles dispositivos dos que dispoñamos que poidan xerar fotografías. Dende un móbil, unha cámara, etc.. para, dende o propio Museo e o propio Samil, se xenere un traballo común baseado no propio territorio, nas cores do lugar, etc.. construíndo unha obra feita de tódolos traballos das asistentes ao obradoiro.
    Artista: Javier Fernández Pérez de Lis
    Ubicación: Comiteca + exterior
    Horario: 20:30 a 22:30 h
    Público: Familiar
    Aforo: Dez persoas por quenda. Quendas de media hora, con pausa de 15 minutos.
  • Proxección fotografía contemporánea “Todas xuntas”: TODAS XUNTAS é unha proposta de traballo que engloba diferentes proxectos e propostas de artistas, principalmente galegos, que traballan coa fotografía. Despois de ser declarado o Estado de Alarma do pasado mes de marzo, e vernos en certa medida a restrinxir os nosos movementos, traballos, e formas de expresión, moitas artistas buscaron diferentes vías para seguir construíndo, seguir traballando ou probando diferentes ferramentas ás que poder usar como traballo ou experimentación. A proxección estará acompañada por música feita durante o mesmo período por algún artist local. Traballos de diferentes artistas proxectados en loop.
    Ubicación: xardín exterior
    Horario: 23:00 a 01:00 h.

  • Proxecto Live PixeI da artista visual Marta Verde e o artista multimedia Juanma LoDo:
    Live Pixel é o proxecto de Live AV da artista visual Marta Verde e o artista multimedia Juanma LoDo . Este proxecto aúna a experiencia e levan ao directo o seu saber facer en materia AudioVisual . Nas súas performances poñen ao mesmo nivel o son e o visual, un diálogo creativo que se materializa nun live set onde o video e o son se retroalimentan. Ao contrario do que ocorre nun AV live convencional, a imaxe se deconstrúe mediante algoritmos en tempo real alimentados por caixas de ritmo e sintetizadores, samplers, loops e instrumentos electrónicos de todo tipo. píxelmuerto (visualistas). Como visualistas toman o nome de pixel muerto, un guiño á cultura dixital, aos erros dixitais. Amantes e expertos no dixital e na estética glitch, ambos artistas teñen unha longa traxectoria proxectando en todo tipo de eventos, sobre todo tipo de pantallas e superficies de proxección. Acompañando a outros artistas ou creando imaxes e visualizando a música dos seus propios proxectos.

  • Mural colectivo. Poderás deixar a túa pegada nos cristais do vestíbulo do museo, respondendo a unha pregunta/reflexión actual.
    Ubicación: vestíbulo
    Horario: 20:00 a 01:00 h
    Público: Tódolos públicos

Máis

Hora

(Venres) 20:00 - 23:59(GMT+02:00)