REVISTA ABRIL

Lodeiro. A xeometría inexacta

01out18:0016xan(xan 16)21:00Lodeiro. A xeometría inexactaARTE E MUSEOS | De balde(outubro 1) 18:00 - (xaneiro 16) 21:00(GMT+02:00) Fundación Laxeiro

Detalles do eventos

A Fundación Laxeiro súmase á conmemoración do XXV aniversario do pasamento de José Telmo Lodeiro ofrecendo a exposición titulada Lodeiro. A xeometría inexacta, un proxecto que incide sobre a importancia da xeometría como elemento fundamental para entender a totalidade da obra de Lodeiro, mesmo a máis figurativa. Estará dispoñible ata o 16 de xaneiro de 2022.

Lodeiro. A Xeometría inexacta articúlase ao redor de tres lenzos de 1976 e 1979 que o pintor titulou cos números: 2, 3 e 4, dándolles así un tratamento serial, como serial parece tamén o motivo e o tema, compostos, nos tres casos por retículas regulares e uniformes repetidas de xeito secuencial en toda a superficie pictórica, con ricas variacións cromáticas que lles confiren un ritmo intenso.

A partir destas tres pezas, despréganse un total de quince debuxos realizados con rotulador e case todos sen datar, agás tres pezas de 1971, das poucas nas que a retícula non é o motivo principal e as únicas que están realizadas con técnica mixta. Destaca un segundo grupo formado por catro pezas, nas que o motivo xeométrico varía. Trátase de catro debuxos moi interesantes que conforman un ensaio sobre outras posibilidades da abstracción xeométrica, cunha cadencia ben conseguida no ritmo da mirada, a través da utilización de círculos, semicírculos, paralelepípedos e diagonais.

O resto, oito obras en total, son todos debuxos realizados con rotulador sobre cartolina, sen dúbida, da súa etapa mexicana, variacións sobre un mesmo tema que retoman a composición reticular realizada a modo de mosaico, dos lenzos citados, con innumerables variacións cromáticas que, no seu conxunto, forman un rigoroso traballo de investigación sobre as relacións entre o cromatismo e as formas cadradas, rectangulares e triangulares, contidas unhas dentro de outras.

Esta obsesión de Lodeiro pola xeometría bidimensional e fortemente racionalizada na súa concepción, contrasta co proceso manual, no que o artista desbota a utilización de recursos como padróns, regras e demais elementos utilizados no debuxo técnico, para compoñer estes debuxos a man alzada, como un xesto de afirmación do eu por riba das lóxicas do procedemento debuxístico.

De luns a venres.- De 18:00 h a 21:00 h
Sábados: de 12:00 h a 14:00 h e de 18:00 h a 21:00 h.
Domingos e festivos. de 12:00 h a 14:00 h

Máis

Hora

Outubro 1 (Venres) 18:00 - Xaneiro 16 (Domingo) 21:00(GMT+02:00)

Localización

Fundación Laxeiro

Rúa Policarpo Sanz, 15, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events