VIALIA
bannerPicnicSesions

Día da librerías: Outono de contos e música

13nov18:00Día da librerías: Outono de contos e músicaPEQUERRECHOS | De balde18:00(GMT+01:00)

Detalles do eventos

LIBROS PARA SOÑAR retomará este venres -con motivo do Día das Librarías- as súas actividades de animación á lectura. As canles de LIBROS PARA SOÑAR en Facebook e Instagram ofrecerán, a partir das 18:00 horas, unha sesión de contacontos e música dirixida a nenas e nenos a partir de 6 anos, con Bea Campos e Manuel Pombal. Co lema Outono de contos e música, non faltarán «O coelliño branco» e as súas peripecias intentando preparar un caldo, xunto co clásico de Gianni Rodari «Que fai falta?», no centenario do autor, entre outras historias do catálogo de KALANDRAKA.

Ademais, os artistas vigueses Federico Fernández e Ramón Trigo visitarán LIBROS PARA SOÑAR a partir das 19:00 horas para asinar as súas obras, seguindo as medidas de seguridade sanitaria. As lectoras e lectores poderán contactar coa libraría para reservar exemplares e indicar a quen queren que os ilustradores llos dediquen. Federico Fernández é ilustrador do libro para pre-lectores «Aurelio», do conto tradicional «Chibos chibóns» e coautor do libro visual «Balea». Cunha ampla bibliografía, ademais de ilustrar «O pirata pata de lata», Ramón Trigo tamén é o artífice de «Leviatán» e doutras moitas publicacións.

Xunto con destes autores, será posible reservar exemplares e sinaturas da obra de Ledicia Costas, que estará en LIBROS PARA SOÑAR o próximo 20 de novembro.

LIBROS PARA SOÑAR continuará organizando contacontos con música ao longo de novembro e decembro, tanto para público infantil como para bebés, neste caso de forma presencial acompañados de adultos.

Mantendo o seu compromiso coa educación plástica dos máis cativos e coa posta en valor da arte, a sala de actividades de LIBROS PARA SOÑAR acolle ata finais de ano a exposición das ilustración do libro musical «O Bolero de Ravel», realizadas por Federico Delicado a partir dun texto de José Antonio Abad. Trátase de sorprendentes imaxes nas que os músicos que protagonizan a historia son animais humanizados representando especies en perigo de extinción.   Ambientadas nun escenario urbano, transportan as lectoras e os lectores a un memorable concerto que, ademais de música, tamén destaca pola luminosidade e o colorido de cada páxina. Ademais de «O Bolero de Ravel», a traxectoria de Federico Delicado tamén destaca por títulos como «Ícaro» (VII Premio Compostela de Álbum Ilustrado), «Mundinovi» (VIII Premio Cidade de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos), «O neno bisesto» e «Unha longa viaxe», entre outros. 

Máis

Hora

(Venres) 18:00(GMT+01:00)

Detalles do evento virtual

O evento xa tivo lugar!