VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

CinVigo

20abr(abr 20)11:0021(abr 21)14:00CinVigoFESTIVAIS E FEIRAS | De balde11:00 - 14:00 (21)(GMT+02:00) Porta do Sol

Detalles do eventos

CinVigo. Ciencia na rúa celebra a súa segunda edición o 20 e 21 de abril na Porta do Sol. Unha proposta lúdica e didáctica con actividades gratuítas pensadas para familias, como unha feira científica, obradoiros, xincana ou espectáculos científicos.

CINBIO, o Centro de investigación en nanomateriais e biomedicina da UVigo, sae á rúa por segundo ano organizando o festival familiar CinVigo, dúas xornadas para divertirse en familia experimentando e aprendendo. Baixo o lema ‘Ciencia na rúa’, o festival de divulgación científica volve por segundo ano á Porta do Sol co propósito de converter o centro da cidade nun laboratorio xigante. Ao longo desta fin de semana e a través de diferentes actividades, CinVigo quere trasladar á cidadanía o interese pola ciencia, fomentando que a cativada viva o proceso de investigación en primeira persoa. Outro dos obxectivos da proposta é dar a coñecer a existencia do propio centro, xa que non moita xente sabe que temos na cidade un centro especializado en nanomateriais e biomedicina.

Todas as actividades son gratuítas, pero para participar nos obradoiros ou a xincana é necesario inscribirse previamente a través da web do CINBIO. A inscrición estará aberta ata este venres 19 de abril ás 12:00.

A Feira científica é un dos principais atractivos da fin de semana. Nela participan preto de preto de 230 estudantes de ESO, Bacharelato e ciclos formativos de FP serán os grandes protagonistas presentando os seus proxectos científicos ao público asistente e competindo por uns premios finais. En total exporanse 60 traballos desenvolvidos polo alumnado de 25 centros educativos de toda Galicia, que terán o seu minuto de gloria sobre o escenario do festival e que o público poderá valorar a través do teléfono. Os equipos gañadores obterán premios como unha matrícula universitaria de balde, a participación noutra feira científica ou unha estadía no CINBIO.

A cativada entre 3 e 12 anos poderá participar nos obradoiros infantís, nos que se proporán divertidos experimentos, convertendo aos pequerrechos en científicos por un día. Experimentar con escuma, contagotas, vasos medidores, area magnética e outros materiais sensoriais serán algunhas das experiencias que lles permitirán descubrir o mundo da ciencia. Para participar é preciso inscribirse previamente, elixindo unha das doce quendas dispoñibles tanto o sábado como o domingo. Outra das actividades participativas propostas é a xincana científica CinVigo Holmes, un xogo de pistas para adolescentes de entre 12 e 17 que os fará percorrer ás rúas de Vigo a partir do sábado ás 16:00 h. Tamén é preciso realizar unha inscrición.

Ademais, o festival inclúe un completo programa de actuacións para toda a familia, como os espectáculos Maxia de preto, Ciencia exprés e Cienceando, que propoñen espectaculares demostracións científicas e moita diversión. Tamén se poderá asistir á gravación en directo do programa da Radio Galega Efervesciencia e, por suposto, achegarse ata os postos informativos do CINBIO para coñecer de preto as súas liñas de investigación actuais.

CinVigo. Ciencia na rúa conta co financiamento da Xunta de Galicia e da Unión Europea e co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo e do Concello de Vigo, Portomédica, Büchi, Jasco, EcoClima, Termocalor, Leboriz, Fisher, Frutas Nieves, El Corte Inglés, Radio Vigo,  Coca Cola, Vodea, Service-Lab entre outras entidades, que se suman á colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia de Innovación.

Máis

Hora

20 abril, 2024 11:00 - 21 abril, 2024 14:00(GMT+01:00)

Localización

Porta do Sol

Praza Porta do Sol, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events