VIALIA
bannerPicnicSesions

Cinema a Pedal

09set(set 9)18:0010(set 10)23:00Cinema a PedalFESTIVAIS E FEIRAS | De balde18:00 - 23:00 (10)(GMT+02:00) Nigrán

Detalles do eventos

“A túa enerxía alimenta o cinema; pedalea para que prenda o proxector” é o tema do Cinema a Pedal, un festival que integra cinema, deporte e medio ambiente que celebrará a súa estrea estatal este vindeiro venres no Concello de Nigrán. Este novidoso formato incluído no programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, dará comezo ás 18 h cunha marcha en bicicleta desde o edificio do Concello ata o campo de fútbol de Monte Lourido, nas inmediacións de Praia América.

A proposta do festival é gozar dunha selección de películas que teñen como tema principal o uso de bicicletas, no marco incomparable que supón o Camiño de Santiago. Con todo, non só se trata de ver cinema, hai que pedalear para velo! No espazo onde se dispoñerá a pantalla ao aire libre, instalarase unha plataforma de 15 bicicletas na que o público asistente poderá pedalear para xerar a enerxía necesaria que abastece o equipo de proxección.

“O Festival Cinema a Pedal naceu en 2013 organizado pola Cinemateca Uruguaia en Montevideo e conxuga varios elementos: o amor polo cinema, o pracer de andar en bicicleta, a convivencia co medio ambiente, as vantaxes de levar unha vida saudable e a necesidade de utilizar enerxías renovables”, explican desde a Asociación Veganagal, promotora do festival. “Coa proliferación das ciclovías e carrís bici, e o compromiso co medio que está a adquirir a poboación xeral, pensamos que este era o momento perfecto para incorporar o festival ao noso panorama cultural, e Nigrán, o emprazamento perfecto porque comparte connosco todas estas ideas”.  A este respecto, o alcalde de Nigrán, Juan González, salientou que “efectivamente, a cidadanía está moi ilusionada e implicada con este festival, que supón unha oportunidade magnífica para gozar en comunidade vendo cinema de calidade e traballar en equipo polo ben común”.

A programación cinematográfica estará distribuída en dúas funcións diarias que darán comezo ás 20.45 h. e ás 22.45 h. O venres exhibirase en primeiro lugar a animación francesa Dilili en París (Michel Ocelot, 2018), da que gozará tanto o público adulto como o máis novo da casa, e O horizonte (Delphine Lehericey, 2019), unha fermosa historia iniciática ambientada no rural suízo de 1976. Pola súa banda, o sábado ás 20.45 h. comezará Delfín (Gaspar Scheuer, 2019), a historia dun neno arxentino que se move en bicicleta para participar nas probas de acceso dunha orquestra infantil. Por último, a sesión do sábado ás 22.45 h. estará protagonizada polo filme xaponés Survival family (Shinobu Yaguchi, 2016), un enxeñoso exemplo de cinema apocalíptico familiar.

Á marxe das proxeccións, a programación do festival verase complementada con música en directo,; unha charla sobre a importancia de implementar a economía circular na nosa sociedade a cargo de Francisco Iglesias, CEO da consultoría medioambiental Ziclos Circular Economy; obradoiros de educación viaria, mostras de patinetes eléctricos e unha exposición de bicicletas adaptadas para persoas con algún tipo de diversidade funcional cedidas por Discamino. Tampouco faltarán as gastronetas e postos de ecomercado nos que repoñer forzas; os sorteos e pequenos agasallos para as persoas que pedaleen, e un punto de recollida de bicicletas usadas a favor de Recyling. Bicicletas solidarias, unha organización lalinense sen ánimo de lucro dedicada á recollida e restauración de bicis para que persoas con poucos recursos lles dean unha nova vida.

VENRES 9

18 h. Marcha en bicicleta desde o Concello de Nigrán ata o campo de fútbol de Monte Lourido.

18:30 h. Música en directo a cargo de DJ Supernatural Project.

20 h. Exposición de Francisco Iglesias, CEO de Ziclos Circular Economy, consultoría ambiental experta en desenvolver estratexias de Economía Circular e sostibilidade  “Os teus residuos son recursos”.

20:45 h. Proxección: DILILI EN PARÍS

Michel Ocelot | 2018 | 95’| Dobrada

Sinopse: unha fermosa longametraxe ambientada no París da Belle Époque. Tras o secuestro de varias nenas, Dilili percorre a cidade en bicicleta para rescatalas; polo camiño atópase con figuras centrais da arte, do feminismo e da cultura da época.

22:45 h. Proxección:

1. Trailer de EL CAMINO DE LOS SENTIDOS, de Víctor Bello (documental sobre DISCAMINO, 3 min.)

2. O HORIZONTE

Delphine Lehericey | Suíza | 2019 | 88’ | V.O.S

Sinopse: A acción de “O Horizonte” sitúase en 1976, un verán infernal de seca en toda Europa. Nunha modesta granxa familiar, o fillo de 13 anos advirte que a calor non só está a impactar en animais e campos, senón que tamén afecta os adultos que o rodean. Pronto deixará atrás toda a inocencia da infancia.

SÁBADO 10

17 h. Música en directo a cargo de DJ Supernatural Project.

18 h. Obradoiro de educación vial. Tengo que confirmar hoy viernes con él si le va bien esta hora, si quiere dar charla además y si le sirve un rincón o prefiere estar in the middle con un micro. Pero si ya es tarde, lo ponemos abajo en lo de Moito máis y listo

20:45 h. Proxección: DELFÍN

Gaspar Scheuer | 2019 | 92’| Versión orixinal en español

Sinopse: Delfín soña con tocar na orquestra infantil de Junín, a uns 50km da súa poboación. Malia non ter cartos para a viaxe e o instrumento, intentará cumprir o seu obxectivo.

22:45 h. Proxección:

1. Trailer de EL DESORDEN DE LOS SENTIDOS, de Alejandro G. Salgado (documental sobre DISCAMINO, 4 min.)

2. SURVIVAL FAMILY

Shinobu Yaguchi | Xapón | 2016 | 117’ | V.O.S

Sinopse: esta enxeñosa mestura de cinema apocalíptico e familiar acompaña a unha familia de clase media xaponesa que debe intentar sobrevivir en Tokio tras un gran apagamento.

Máis

Hora

9 (Venres) 18:00 - 10 (Sábado) 23:00(GMT+02:00)

Localización

Nigrán

Playa América, Nigrán, Pontevedra Areosa, 2, Nigrán

Other Events