Ainhoa Arteta

07out21:00Ainhoa ArtetaCONCERTOS | De balde21:00(GMT+02:00)

Detalles do eventos

Ainhoa Arteta, unha das voces imprescindibles do panorama operístico actual, ofrecerá un concerto que se emitirá o 7 de outubro ás 21. 00 h en directo en Afundación TV, de forma gratuíta. O recital, titulado «Canciones del recuerdo», desenvolverase no Teatro Municipal de Tui no marco do International Keyboard Festival & Masterclass da Eurocidade Tui –Valença (IKFEM) e contará coa participación de, ademais da soprano vasca, Javier Carmena ao piano. Trátase dunha viaxe polas cancións do recordo con grandes autores do repertorio español como Enrique Granados, Antón García Abril e Ernesto Halffter, e os arxentinos Carlos Guastavino e Ariel Ramírez. As entradas para este evento estarán dispoñibles a partir de mañá en Ataquilla.com

 O día previo, Afundación TV organizará un coloquio con Ainhoa Arteta no que todas as persoas inscritas terán a opción de participar interactivamente a través das plataformas habilitadas para tal fin por parte da Obra Social de ABANCA. Deste modo, a entidade consolida o seu papel como institución privada de referencia no seu ámbito de actuación e impulsa a actividade cultural entendida como un mecanismo de avance tanto social como persoal, ao enfocar a cultura cara ao seu sentido máis etimolóxico: un medio de crecemento e desenvolvemento. 

Este concerto enmárcase no festival IKFEM, o Festival de Teclado da Eurocidade Tui – Valença, que acada con esta a súa oitava edición, e que nesta ocasión se actualiza a raíz da situación de pandemia cunha proposta de IKFEM Dixital. Así, os días 3, 5, 6, 8 e 9 de outubro están previstos concertos que, de forma online, ofrecerán artistas, moitos deles novos valores a quen este festival impulsa na súa carreira musical, que dalgunha maneira se viron afectados pola COVID-19. A convocatoria para poder participar está aínda aberta en www.ikfem.com.

Ainhoa Arteta

Ainhoa Arteta é unha das sopranos máis recoñecidas internacionalmente, con actuacións nos mellores teatros do mundo. A voz da soprano vasca está cargada dunha intensidade e emoción que incrementan a excelencia técnica característica de Arteta. As súas representacións foron aplaudidas desde o Metropolitan Opera ao Carnegie Hall, Covent Garden, Bayerische Staatsoper ou a Scala de Milán, entre outros. 

Representou papeis tan emblemáticos e esixentes como os protagonistas de La Traviata, La Bohème, Roméo et Juliette ou Manon Lescaut. Entre os seus grandes éxitos destacan o seu papel en Cyrano de Bergerac, na San Francisco Opera e no Teatro Real, ou La Bohème, no Metropolitan e La Scala de Milán. 

Ademais de recitais e concertos, compartiu a escena con grandes mestres coma Sir Neville Marriner, Christian Badea e Pablo González, e con pianistas como Marco Evangelisti, Rubén Fernández Aguirre e Malcolm Martineau. O seu interese pola versatilidade e a creatividade, conduciuna tamén a actuar na Casa Branca e a ser a voz do tema principal da película Gun City, dirixida por Dani de la Torre e protagonizada por Michelle Jenner, Adriana Torrebejano, Luis Tosar e Jaime Lorente.

Máis

Hora

(Mércores) 21:00(GMT+02:00)