Vegana.gal

23out(out 23)10:0024(out 24)22:00Vegana.galFESTIVAIS E FEIRAS | Desde 3,00€10:00 - 22:00 (24)(GMT+02:00) IFEVI

Detalles do eventos

[Consulta o programa de actividades aquí]

VEGANA 2021 comprométese a ser un punto de encontro para todo tipo de persoas curiosas e/ou comprometidas coa sostibilidade, o mundo animal e o medio ambiente. Así, aínda que se tratará dun evento principalmente gastronómico onde se darán a probar ao público novas alternativas alimenticias sen ingredientes de orixe animal, nas casetas expositoras tamén haberá sitio para o calzado e a moda sostible, a cosmética, as adegas, artesanía, xoguetes, pequenos electrodomésticos e todo tipo de alternativas ao plástico dun só uso.

Como non podía ser doutro xeito, tamén haberá espazo para asociacións, santuarios de animais e refuxios, que amosarán o necesario e extraordinario que é o seu traballo.

A nova carne é verde

A aposta por eliminar ou reducir o consumo de carne, ovos, lácteos ou peixe foi conquistando a unha boa parte da sociedade que tamén quere levar unha alimentación máis saudable e, sobre todo, fomentar unha industria que sexa sostible e respectuosa cos animais e o planeta. Este cambio de tendencia colectiva está a motivar a aparición de novas empresas que poñen o foco no público comprometido que non quere renunciar a ningún sabor. Moitas delas formarán parte de VEGANA 2021 onde, ademais de ofrecer aos asistentes degustacións gratuítas, tamén aproveitarán a oportunidade para dar a coñecer os seus produtos máis novos.

Tal sería o exemplo de GrinGrin FoodsHeura ou Guakame, cuxos nomes poden resultar xa familiares ao público xeral. O principal obxectivo de GrinGrin Foods é crear produtos 100% vexetais que satisfagan os padais máis esixentes, e así “convencer ao 90% da poboación que se declara non consumidora habitual deste tipo de produtos, de que é posible gozar da gastronomía con produtos 100% vexetais“.

Pola súa banda, os fundadores da Startup catalá Heura están convencidos de que a suma de moitos cambios pequenos pode chegar a transformar a unha sociedade enteira. O seu lema é “a información é poder” e a súa misión, “facer fronte aos problemas do actual sistema alimentario, ofrecendo proteínas cun impacto positivo no mundo a través de alimentos sostibles, nutritivos e deliciosos“.

Tamén promete deliciosas sorpresas o food truck de Guakame Street Food, unha rompedora e audiovisual iniciativa de Cristian Tomás e Jonan Wiergo que poñerá ao dispor do público os pratos saborosos de toda a vida na súa versión vegana.

Outro dos grandes desafíos da gastronomía vegana é atopar substitutos do queixo. En VEGANA 2021 haberá varios expositores estatais, e mesmo internacionais, dedicados especificamente a este tipo de produto nos seus diferentes formatos.

 Para a xente máis golosa

Aínda que é certo que o veganismo vai da man da preocupación por unha alimentación máis saudable, tamén o é que a ninguén lle amarga un doce. A feira incluirá a versión vegana dos doces máis clásicos, tamén na súa versión sen glute para as persoas celíacas e apta para intolerantes á lactosa que estrañan darse un capricho de cando en vez. Imaxinan unha pirámide de Panteras Rosas, Phoskitos ou Tigretóns? Pois en VEGANA 2021 poderán vela en directo.

A oferta doce completarase co posto dun artesán local, un auténtico home orquestra que está a aprender todo sobre veganismo para ofrecer as súas creacións sen ningún ingrediente de orixe animal.

Zona infantil

Obradoiros de cociña, actividades lúdicas sobre nutrición e sostibilidade, contacontos… os máis pequenos da casa van ter un intenso programa de seu que será desvelado nos próximos días.

Firma de libros

A chef de cociña vegana Míriam Fabà acudirá á feira para presentar o seu novo libro Veganeando: 80 recetas fáciles, saludables y caprichosas. Por suposto, asinará o exemplar a todas aquelas persoas asistentes interesadas.

Míriam Fabà decidiu dar o paso de vexetariana a vegana hai doce anos. Empezou coas mesmas preguntas e medos que calquera persoa que quere iniciarse no plant-based cooking. Axiña se decatou de que lle faltaba moita información, e que a que atopaba era confusa e sen rigor profesional. Temía facer o tránsito porque non quería que a súa saúde se vise afectada.

Desde entón, non parou de formarse como chef vegana, de experimentar e de dar respostas a todos os interrogantes que foron xurdindo ao longo do proceso. Así naceu Veganeando, unha multiplataforma (blogue, canle de Youtube, Instagram e Facebook) onde comparte receitas e estilo de vida co obxectivo de axudar a todas esas persoas que estean a pensar en dar o paso a unha alimentación vexetariana e/ou vegana.

E moito máis

En definitiva, VEGANA 2021 será moito máis que unha feira de mostras. A música en directo de Luis Carrillo Sassy (Sandra Barreiro) compartirá espazo coas degustacións, os showcookings, as charlas e puntos de información nutricional, e mesmo coas sesións de maquillaxe 100% vegano.

Moitas outras sorpresas iranse revelando ao longo das próximas semanas. A organización aconsella ás persoas asistentes que vaian á feira con moita fame e tuppers baleiros —e sostibles— “porque non ides poder comer todo o que alí vai haber”. O certo é que tras todo este tempo de responsable illamento derivado da pandemia, non hai nada mellor (e nada máis galego) que celebrar o respecto polo planeta ao redor dun prato de comida.

Tomen nota: as entradas para o evento están dispoñibles para a súa adquisición a través da plataforma Entradium. O seu prezo en venda anticipada é de 3 € para un día e 5€ para os dous días. A entrada será gratuíta para menores de 12 anos, maiores de 65, persoas en situación de desemprego e persoas en situación de diversidade funcional.

Consulta o programa de actividades.

Máis

Hora

23 (Sábado) 10:00 - 24 (Domingo) 22:00(GMT+02:00)

Localización

IFEVI

Av. do Aeroporto, 772, 36318 Vigo, Pontevedra

Other Events