Estopa trae as cancións de toda unha vida ao Monte do Gozo
Coa posta de sol de fondo arrancaba o concerto dos irmáns Muñoz. O Monte do Gozo foi o escenario perfecto para desfrutar dunhas cancións que nos levan acompañando toda a vida, como eles mesmos indicaron ao comezo do espectáculo. O público de Santiago gozou dun ambiente moi acolledor, empapado de ritmos rumberos e bo roio.
A pandemia non impediu desfrutar do espectáculo de Estopa, iso si, respectando as medidas de seguridade impostas pola organización de O Son do Camiño. Tras unha longa caminata de dous quilómetros (pois o autobús do festival inexplicablemente non se aproximaba ao recinto), a xente chegaba en grupos reducidos ao Monte do Gozo, onde lles esperaba un asento asignado para cada un.
O grupo comezou con dous dos seus clásicos: ‘Tu calorro’ e ‘Vino tinto’. O público acompañou con estusiasmo, cantando a todo pulmón desde as súas cadeiras. A continuación, David Muñoz, o cantante e o maior dos irmáns, agredeceu a todos os alí presentes que estivesen a pesar de todas as medidas de seguridade, declarando emocionado: “Xa vos ten que gustar o grupo”.
Cara a metade do concerto a forza do principio perdeuse un pouco, pois excepto pola presenza de temas moi coñecidos como ‘Partiendo la pana’, ‘La raja’ ou ‘El del medio de Los Chicos’, presentaron outros algo máis actuais. Os irmáns fixeron alusión aos constantes paseos da xente ao bar por diante do escenario, comparándoo coa peregrinaxe a Santiago de Compostela. Isto fixo que David estivera algo descentrado nalgúns temas, pero sen afectar demasiado ao transcurso da noite. Tamén sorprendeu José cantando sen fisuras ‘Ya no me acuerdo’, un dos medios tempos máis emocionantes da noite.
Hacia o final do concerto, a enerxía coa que empezaran recuperouse, mesmo incrementouse. A xente movíase sentada nas súas cadeiras ao ritmo de cancións como ‘Pastillas de freno’ ou ‘Fuente de energía’, ambas do disco ¿La calle es tuya? (2004). Cando parecía que chegaba a fin do espectáculo, o dúo sorprendeu cunha sesión en acústico, eles sós e as súas guitarras. Tocando ao unísono, moi ben engraxados, con luces cálidas e acolledoras, creando un ambiente íntimo e cheo de maxia, no que soaron cancións como ‘Demonios’ e ‘Mi primera cana’, dedicada a Joaquín Sabina e aos seus socios Pancho Varona e Antonio García de Diego. En definitva, presentaron “as cancións como viñeron ao mundo”, en palabras de David Muñoz.
Para culminar a noite, a banda completa volveu ao escenario e tocaron éxitos como ‘Cacho a cacho’, ‘El yonki’ (unhas das súas primeiras cancións, inexistente en versión de estudio) ou ‘El madero’, unha sorte de secuela pertencente á banda sonora da serie Los hombres de Paco. Entre medias, fixeron a presentación habitual de toda a banda, algo lenta iso si, dedicando unhas palabras a cada un dos integrantes. O telón baixou coa canción que coroa todos os seus concertos desde o primeiro: ‘Como camarón’, na que a xente se levantou das súas cadeiras para darlles unha cálida despedida.
A esencia de Estopa estivo presente no Monte do Gozo: cancións que incitan a desfrutar, éxitos que perduran no tempo, unídonselles outro novos. Os irmáns Muñoz conseguen evocar tempos pasados, así como facer gozar a todo tipo de públicos, de distintos rangos de idade. A música de Estopa viaxa no tempo.
Lúa Rodríguez
Últimos posts de Lúa Rodríguez (ver todos)
- Moura convidará ao público do Barbeira Season Fest ao seu transo colectivo - 22 Agosto, 2021
- Estopa trae as cancións de toda unha vida ao Monte do Gozo - 30 Xullo, 2021