CONCERTOS CASTRELOS
DIA DE GALICIA

O Gozo Festival trae a Galicia aos DJ máis top do mundo

O Monte do Gozo semellará Tomorrowland esta fin de semana. 14 DJ nacionais e internacionais, entre os que destacan Armin Van Buuren, Hardwell, Marshmello, Claptone e Timmy Trumpet, participarán este sábado no Gozo Festival BBF, a xornada do ciclo de concertos dedicada á música electrónica con 12 horas de música.

Despois da xornada encabezada polo británico Ed Sheeran, a programación do Gozo Festival retómase no Monte do Gozo para celebrar unha segunda xornada, esta vez protagonizada pola música electrónica. A cita é este sábado, 13 de xullo, no auditorio ao aire libre de Santiago de Compostela e inclúe a presenza sobre o escenario de picadiscos recoñecidos internacionalmente.

No cartel do Gozo Festival BBF encontramos referentes da múscia electrónica como Armin Van Buuren, Hardwell, Marshmello, Timmy Trumpet, Korolova, Claptone, Fedde Le Grand ou Brian Cross b2b DJ Nano, entre outros. Unha aliñación nunca antes vista nun festival galego por calidade e cantidade, polo que se espera que os amantes do ritmo vivan unha noite histórica.

A xornada comezará ás 16:00 coa sesión de Jorel Toro e Juanpa Claret e nas seguintes catro horas pasarán tamén polos pratos do Monte do Gozo Joyse; o dúo de portugueses Gonçalo e Groove Amigos; o barcelonés Brian Cross, produtor de Armin Van Buuren, Ricky Martin ou Yandel; e o madrileño DJ Nano, primeiro artista electrónico en representar á cultura fronte á Casa Real española.

A partir das 19:45 chegan os internacionais. Ás 19:45, a artista ucraína Korolova, única muller do cartel, deleitará co seu house melódico. Ás 20:45, o dúo de DJ alemáns Claptone subirá ao escenario coas súa características máscaras douradas de doutores da peste. Ás 21:45 chegará Fedde Le Grand, autor de grandes éxitos como ‘Put your hands up for Detroit‘. Ás 23:00, Armin van Buuren, probablemente o veterano do cartel e unha das actuacións máis esperadas, porá ao público a bailar con ‘This Is What It Feels Like’ (nominada aos Premios Grammy) ‘Blah Blah Blah’ e Great Spirit’, entre moitas outras.

Xa despois da media noite chegará outro DJ enmascarado, Marshmello, un dos 25 artistas máis escoitados do mundo en Spotify e o terceiro con máis suscritores de Youtube. Á 1:25 tomará o control da mesa o dúas veces nomeado mellor DJ do mundo, Hardwell, autor de coñecidos temas como ‘Spaceman’, ‘Apollo’ e ‘Run Wild’. Pechará a noite Timmy Trumpet, coñecido por interpretar en directo algúns dos seus temas con trompeta e polo altísimo nivel de produción dos seus espectáculos, sendo o favorito do pasado Tomorrowland.

SONRIAS

As entradas, das que se venderon 17.000 nas primeiras 24 h o pasado decembro, aínda poden adquirirse na web da promotora Live Nation por un prezo de 62,00 € na pista xeral e 102,00 € na zona máis próxima ao escenario. Tamén hai dispoñibles packs premium con acceso a zona premium con barra, baños e área de descanso a partir de 172,00 €.