VIALIA
ARRIBADA

Eleven School, oito anos transformando a educación

Á beira da igrexa da parroquia de Matamá atopamos o primeiro e único centro de educación Montessori de Vigo: Eleven School. Hai oito anos que Cristina Pereira decidiu embarcarse neste ambicioso proxecto pioneiro na zona.

Neste tempo, esta escola asentouse como un dos referentes na metodoloxía Montessori en Galicia, que cada ano recibe máis estudantes de diferentes partes do mundo. Quen non estea afeito a esta forma de educar sorprenderase coas numerosas diferenzas que hai con relación ao sistema educativo tradicional: cada aula está dividida en catro espazos (vida práctica, matemáticas, linguaxe e cultura) e hai dous profesores por clase; en cada clase hai alumnado de diferentes idades, que viste zapatillas e roupa cómoda e que realiza tarefas do día a día (colocar a mesa, pasar a vasoira, poñer o lavalouza, recoller a aula…); cóidase moito a alimentación e fálase cos nenos en inglés desde ben cativos de xeito moi orgánico.

O propio espazo é moi diferente ao dun colexio ao uso, pois cambia o frío da baldosa pola calidez da madeira, que está presente no chan e nuns mobles adaptados á altura da cativada. En resumo: simplicidade, beleza e orde. O xeito de ensinar e aprender tamén é ben innovador para os neófitos, xa que neste tipo de centros se alimenta a curiosidade, a autoaprendizaxe e a formación práctica. Este enfoque respecta os ritmos individuais de cada estudante, fomentando unha educación significativa que prepara para a vida adulta. Destaca a innovadora aposta do centro pola educación financeira, que comeza desde os tres anos, integrando conceptos de forma práctica e comprensible.

Cristina destaca que o equipo humano é o principal piar da escola, formado por profesionais con paixón e compromiso polo seu traballo e entre os que existe un forte vínculo de colaboración e respecto mutuo. Este bo ambiente trasládase á rapazada, coa que establecen unha relación próxima e de confianza.

Se queremos coñecer de preto esta escola, o próximo sábado 15 de febreiro celebran as xornadas de portas abertas de 10:00 h a 13:00 h. Estamos convidados a achegarnos para coñecer de primeira man o auténtico método Montessori.

REVISTA FEBREIRO

Camiño Real, 10 (Matamá) | 672 07 72 80 | elevenschool.com | @montessorivigo