COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

El Ático: non deas puntada sen fío

A peza estelar de calquera voda é sen dúbida o vestido de noiva. María Cortizo, desde o taller El Ático, mestura a paixón pola moda e a creatividade coa proximidade que permite a elaboración dun vestido personalizado e atemporal.

Co paso dos anos a sociedade vai cambiando, e con ela as vodas e os vestidos de noiva. Hai tempo semellaba que só había unha forma correcta para ir vestida o día do casamento, mais agora sabemos que hai un traxe para cada muller e que a súa escolla é de vital importancia. El Ático, ademais dunha tenda multimarca, ofrece un servizo personalizado no que fan a medida o teu vestido partindo doutros deseños xa montados, para que sexa moito máis doado imaxinar o resultado final, e rematar nunha peza única.

Malia a súa formación en dereito, María Cortizo sempre sentiu atracción polo mundo da moda. Os seus comezos en empresas de gran tamaño non acababan por satisfacela: traballo rápido de usar e tirar que non casaba coa súa filosofía. Para cambiar este ritmo de vida decidiu mudar de traballo por un máis acorde ao seu estilo vital, e así naceu El Ático. Desde o taller de noivas pode traballar con tecidos nobres e realizar pezas atemporais e de calidade, gozables tanto agora como dentro dunha década. Segundo ela, detrás do proceso de escolla hai moita psicoloxía: “Isto é o máis importante, e é o que diferencia vir a unha tenda de mercalo por Internet. As mulleres coñecemos o estilo da roupa que levamos a diario, sabemos onde mercar, pero é normal que non se saiba como ir de noiva porque é algo novo para cada unha”, destaca María.

Segundo ela, todo se resume en non ir disfrazada. É moi importante realizar entrevistas para coñecer á persoa que hai detrás e que vaia acorde ao seu estilo: “Ti desde fóra podes ofrecerlle un vestido que obxectivamente lle quede ben, pero que ela se sinta disfrazada. Iso é o último que debe pasar”, sinala con seguridade María. Esta comodidade, tan necesaria para aguantar unha longa xornada, transmítese despois na súa actitude, esquecéndose de que leva posto un vestido de noiva e actuando alegremente: “Algúns fotógrafos téñenme dito que cando unha noiva está cómoda no seu vestido as fotos saen moito máis bonitas, porque os seus xestos son máis naturais”.

O contexto do evento tamén é ben importante: “Non é o mesmo unha voda en inverno nun hotel de noite ou no xardín da túa casa unha mañá de xullo. Unha mesma persoa pode vestirse de dúas forma moi distintas”, exemplifica. Tamén advirte do dobre filo que supoñen as redes sociais. Por unha parte axudan a definir o estilo que queren, pero por outra non son conscientes de que en ocasión o que lles atrae desas fotos é a felicidade que irradia esa persoa co seu vestido e non a peza en si. Polo tanto, está ben buscar referencias noutras noivas, pero a decisión final sempre debe ser algo moi persoal, baseandose unicamente nos propios desexos e na propia comodidade. Interpretar eses gustos e as reaccións das clientas co vestido posto tamén é parte do labor de María, que posúe un sexto sentido para detectar estes detalles. Ademais do taller, en El Ático Espacio María comparte local con outras profesionais do mundo das vodas, como Susana de Eventeo.

El Ático Taller de Novias | Rúa de Velázquez Moreno, 5, baixo | elaticotallerdenovias.es | 670 08 44 80 | info@elaticotallerdenovias.es | @elaticotallerdenovias

SONRIAS
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.