REVISTA NADAL

Dúas curtametraxes premiadas no festival vigués Galician Freaky Film Festival compiten polo Óscar

As películas Wonder to woman, de Ninga Gantz, e I’m not a robot, de Victoria Warmerdam, foron premiadas na última edición do Galician Freaky Film Festival e agora están nomeadas aos premios Oscars. Un feito que pon de manifesto a calidade dos filmes que compiten neste festival vigués que celebrará a novena edición do 19 ao 27 de setembro.

De Vigo aos Óscar. O pasado xoves 23 de xaneiro anunciábanse os filmes nomeados aos prestixiosos premios da Academia de Artes e Ciencias Cinematográficas, Óscar; entre os que atopamos dous filmes premiados na última edición do GFFF, o Festival Internacional de Cine Freak e Fantástico de Vigo . Trátase de Wonder to Woman da directora Ninga Gantz, nomeada nos Oscar 2025 na categoría de Mellor Curtametraxe de Animación, e que no certame vigués se alzou co premio Neuronas Fritidas por ser considerada a obra máis peculiar das máis de sesenta exhibidas na edición; e por outra banda, I’m not a robot da directora Victoria Warmerdam é candidata á Mellor Curtametraxe de Ficción, unha peza que gañou o Premio Ben Dito ao mellor guión na edición de 2024 do GFFF e que conquistou ao público e ao xurado co seu humor negro e un guión brillante.

Co fin de seguir sorprendendo a un cada vez máis esixente público, o festival de cinema máis gamberro e divertido de Galicia ten xa aberto o buzón para a recepción de filmes que formarán parte da novena edición, que se celebrará do 19 ao 27 de setembro. A inscrición pode realizarse ata o 13 de maio de 2025 a través das plataformas Filmfreeway ou Festhome, ou de xeito gratuíto a través do formulario dispoñible na súa web. A convocatoria que o Galician Freaky Film Festival lanza cada ano está aberta á participación de cineastas profesionais ou afeccionados de calquera parte do mundo, sen límite de traballos por autor, sempre e cando fosen producidos en 2023 ou despois. Só se admiten curtametraxes, que deben ter unha duración máxima de 30 minutos e encaixar nalgún dos estilos do festival: terror, fantasía, ciencia ficción, comedia ou freak.

Esta noticia pon de manifesto o bo facer do festival de cine máis relevante da cidade. Desde 2017 o GFFF trae a Vigo unha coidada selección nacional e internacional de curtametraxes de xénero. Pezas moitas veces inéditas en Galicia e España, só desfrutables nalgúns dos mellores festivais do mundo e agora tamén nos Óscar!