REVISTA NADAL

Domingo Villar xa forma parte do museo escultórico da Alameda

Na mañá do mércores 29 de xaneiro colocouse na praza de Compostela unha escultura de bronce do escritor vigués Domingo Villar, falecido en 2022 de xeito repentino. Deste xeito, Vigo homenaxea a un autor que situou nesta cidade a maioría da súas obras. Esta peza súmase a outras tantas espalladas pola Alameda.

A cidade de Vigo devolveulle a Domingo Villar todo o que fixo por ela en forma de escultura. E non en calquera lugar: a praza de Compostela, o primeiro xardín público urbano de Vigo, acolle desde este mércores 29 unha figura de bronce do escritor vigués, sentado nun banco, posiblemente imaxinando novas historias. Unha fermosa e merecida homenaxe a un autor que, ata a súa inesperada morte en 2022, situou a maior parte da súa produción literaria na urbe viguesa e na súa ría. Vigo ocupa un lugar protagonista na famosa triloxía do inspector Leo Caldas: Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco.

Ao acto asistiron as autoridades locais e os familiares máis achegados de Domingo: a súa muller, fillos, irmáns e sobriños. A emotividade do evento só foi empanada pola propaganda política do alcalde de Vigo Abel Caballero, quen considerou oportuno no seu discurso facer referencia ao vial da autovía A52 que vai dividir a parroquia de Bembrive.

A familia de Domingo Villar coa súa escultura | P. Vázquez

O responsable da peza, tamén presente no acto, é Pedro Dobao, artista afincado en Vigo desde hai medio século. A obra, que tivo un custe de 115.000 euros, foi fundida no taller de Xan Piñeiro en Goián. Desde agora, este Domingo Villar de bronce acompañará os moitos vigueses e viguesas que deciden pasear por un dos lugares máis fermosos do centro da cidade.

O escultor Pedro Dobao coa súa obra | P. Vázquez

Tamén fará compañía ás numerosas esculturas que se atopan ao longo e ancho da Alameda. As máis coñecidas son as realizadas polo vallisoletano José Luis Medina, quen encheu de animais pétreos o parque vigués: unha hiena, un caracol (xigante, cun neno cabalgando), un cisne, dúas cabras, unha tartaruga… Había máis fauna (osos, xirafas e ocas), pero actualmente está situada noutros parques locais, como o Castro ou o pazo de Castrelos.

Outro escultor de produción numerosa e variada é Camilo Nogueira, quen realizou obras senlleiras como Alborada, Ansiedade, Forjador, Na cume ou Despedida. Algunha delas, como o Marinero, actualmente atópase aforcada polos cables do alumeado de Nadal, que aínda está sen recoller. O tamén dirixente do Partido Galeguista fixo esculturas famosas noutros lugares de Vigo, como Pescantina e Mariñeiros portando o escudo da cidade de Vigo, no alto do Castro, ou o Monumento ó emigrante , en praza América.

Volvendo á praza de Compostela, máis impoñente é a escultura do almirante Castro Méndez Núñez, realizada por Agustí Querol e inaugurada en 1890. O gran poeta do Rexurdimento, Manuel Curros Enríquez, goza dun busto obra de Lorenzo Coullat Valera, erexido en 1911. Xusto nese lugar estaba situado Niños bajo un paraguas de Nogueira que, tras un tempo nos depósitos municipais, tivo que mudarse á rúa Pablo Iglesias, á beira do río Lagares.

Aínda hai máis. Un dos máis curiosos é o obelisco/banco de madeira que se tallou en 2015 a raíz dun tronco seco. Por último, ata hai ben pouco poderiamos falar doutro elemento ornamental de gran sona, mais desde setembro do ano pasado está a tomarse un pequeno descanso. Falamos do Dinoseto (e da súa cría), que ocupou un espazo protagonista na Alameda durante catro anos, pero o seu visible deterioro obrigou ao Concello local a movelo aos viveiros do Castro para a súa recuperación.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.