Distrito Creativo, un mercado de artistas locais no barrio Casablanca
O barrio de Casablanca encherase de arte este sábado coa primeira edición de Distrito Creativo. Un mercado efémero no que participarán artistas locais e que terá lugar no interior de sete pubs da zona.
Distrito Creativo é a proposta dos creadores de Bazares nos Bares para a zona de Casablanca. Trátase dun market de contido artístico e creativo que se desenvolverá das 11 da mañá ás 9 da noite do vindeiro sábado. Sete pubs do barrio converteranse por un día en espazos de exposición e venda de obxectos que mesturan tradición e vangarda: ilustración, xoiería, cerámica, roupa de deseño, decoración, serigrafía, orfebrería… O obxectivo desta proposta e dar a coñecer o talento e o espírito emprendedor dunha vintena de artesáns, artistas e deseñadores vigueses. Coa posibilidade de que eles mesmos expliquen o seu traballo e os seus deseños.
En La Pecera atoparemos os complementos realizados en coiro por Chicken’s Forest Custom Leather, ilustracións e serigrafía de Nigure, e tamén as ilustracións e as cerámicas seragrafiadas de Paula Costas. En La Comedia deseño de cadros e enmarcacións de Casal de Creación e os traballos en cerámica de Tiby Rei. En La Leyenda estarán os deseñadores de moda sostible de La Canalla e Mario López coa súa xoiería creativa. En El Contrabajo reuniranse as ilustracións de Sergio Covelo, Flavia Lago, Sheii Broullón e Peixe Nero, esta última tamén presentará as súas cerámicas e coñeceremos os minixardíns de Claudia Ruibal. En La Rosa Negra Tamara Baz amosará a súa colección de produtos ilustrados por ela, atoparemos artesanía en diferentes formatos de Obradoiro Fósil e dVgo Serigrafía e ás propostas de moda de Mico Téxtil. Na Rosalinda Tetería poderemos achegarnos ao traballo de orfebrería de Ana Freiría, á roupa e complementos para nenos de Lalé e a moda de estilo vintage de Bangus. Por último, no Mesón Padrenda exporanse as ilustracións e bordados de Tramonmilenario e as ilustracións de Belén Diz e Paula Chesire.