VIALIA
Encordass Fiddle Fest

Dez imprescindibles do Festival de Cans

Este martes 21 comeza a XXI edición do Festival de Cans, o evento de cinema, música e agroglamour que se celebra na vila porriñesa desde hai dúas décadas coincidindo en datas co seu irmán francés de Cannes. O festival, de martes a sábado, ofrece unha variada e ampla programación, polo que vos deixamos as nosas dez recomendacións. Podes consultar aquí toda a programación e tamén mercar as túas entradas.

O mércores 22 terá lugar unha homenaxe ao músico vasco Kepa Junquera, na que estará presente o propio artista que dará nome a un Jaliñeiro. Neste espazo o propio Junquera realizou unha actuación histórica hai dez anos. A homenaxe completarase coa exhibición de dúas pezas documentais sobre o acordeonista, que sufriu un ictus hai uns anos.

Xoves e venres, ás 10:30, o escritor Carlos Meixide fará un roteiro cinéfilo-literario polas rúas de Cans. O autor aurousán escribiu en 2016 unha novela xuvenil titulada Cans e ambientada no propio festival. O sábado toma o relevo Xurxo Souto cun roteiro sonoro sobre Don Cesáreo, o cura da vespino.

A preestrea da longametraxe Alumbramiento, do director Pau Teixidor, é a película elixida para a sesión de apertura da XXI edición do Festival de Cans. A actriz viguesa María Vázquez, que recibirá o Premio Pedigree de Honor de Cans o venres, é unha das protagonistas do filme que se basea en feitos reais e aborda o tema dos bebés roubados na España de principios dos anos 80. Antes, no mesmo espazo ás 17:00, poderase ver O corno, gañador da Concha de Oro en San Sebastián e que contará coa presenza en Cans da súa directora Jaione Camborda e da actriz porriñesa Janet Novás.

Un total de 17 videoclips competirán por alzarse coa estatuíña de mellor vídeo musical do festival. Entre os artistas seleccionados atopamos aos vigueses Os Vacalouras. Xusto antes da proxección dos videoclips, a artista Hydn actuará en directo.

Dous dos intérpretes galegos máis recoñecidos dos últimos anos, Tamar Novas e María Vázquez, dialogarán sobre o oficio e os proxectos nun coloquio aberto ao público.

María Vázquez | P. Vázquez

As Neves, que actualmente se atopa en diferentes cines da xeografía galega, é a segunda longametraxe da viguesa Sonia Méndez. Tamén é o seu debut na ficción, cunha historia escrita por ela que mestura o thriller e o drama adolescente nunha paraxe nevada ao estilo de Fargo. Poder ler aquí a nosa crítica do filme.

Furacáns, a sección adicada ás obras de non ficción, converteuse nos últimos anos nunha competición vibrante e nun escaparate do cinema feito en Galicia que asume maiores riscos narrativos. Diferentes xeitos de achegarse a temáticas como a memoria, o despoboamento ou a soedade están presentes nestas obras, moitas delas dirixidas por cineastas galegos en diversas partes do mundo, que van de Cuba a Indonesia, pasando por Inglaterra ou Bélxica e que teñen pasado por importantes festivais internacionais. Dividida en dous pases, poderemos vela ao longo de todo o sábado na Casa de Mari e Casa do Carreira. Dez filmes forman esta sección, que inclúe o documental Pechar caixas, abrir caixas, sobre a mudanza do escritor Xavier Queipo desde Bruxelas a Vigo, onde abriu hai un par de anos a tenda RioLagares.

Xavier Queipo en RioLagares | P. Cermeño

David Trueba, un dos nomes máis destacados de panorama cinematográfico español dos últimos anos, participará nun coloquio cos veciños e visitantes en Cans o sábado 25. Entre as súas obras máis destacadas, tanto de ficción como documentais, atopamos Saben aquell (2023), Si me borrara el viento lo que yo canto (2019),Vivir es fácil con los ojos cerrados (2013), Soldados de Salamina (2003) ou a serie ¿Qué fue de Jorge Sanz? (2010).

Tanto a viguesa Su Garrido Pombo como a cambresa Susana Seivane actuarán en directo e presentarán os seus documentais o sábado no Invernadoiro. Su Garrido comezará ás 17:00 coa proxección de Patios de luz e, ao remate, Seivane presentará Son Seivane.

Seguindo coa música, o concerto estrela desta edición é o da banda muradá The Rapants, a gran revelación da música galega dos últimos anos. Coa súa mezcla de pop, garage e disco, en galego e castelán, a banda de Muros presenta o seu último traballo La máquina del buen rollo.

REVISTA MAIO
The Rapants | P. Vázquez