Despedir o ano desde a ría con Naviera Nabia
Este mes Naviera Nabia pon en funcionamento o Barco Solidario de Nadal e tamén ofrece a oportunidade de visitar as Illas Cíes durante o último mes do ano ou embarcarnos na Ruta do Mexillón e o Barco Turístico.
Naviera Nabia ofrece diferentes alternativas para gozar dun Nadal no mar grazas ás posibilidades que abrangue a nosa ría. A navieira organiza unha ruta familiar a bordo dun dos catamaráns da compañía, engalanado para ocasión con animación, panxoliñas, chocolate con churros e bo humor. En funcionamento durante todo o mes de decembro, o buque sae ás 19:00 horas do porto de Vigo e ás 19:20 horas do peirao de Cangas. Durante hora e media de percorrido, navegamos pola ría e temos a oportunidade de gozar dunha perspectiva inusual da ponte de Rande, nunha viaxe en que os máis pequenos lle poden escribir unha carta a Papá Noel. Estas viaxes teñen un fin solidario, pois dous euros de cada billete vendido están destinados para Bicos de Papel, a asociación de axuda aos nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro.
A navieira tamén dispón da posibilidade de visitar as Illas Cíes no último mes do ano. Desde os portos de Vigo, Cangas e Moaña pódese poñer rumbo ao arquipélago e realizar unha visita guiada que está incluída no prezo. E para despedir o ano dun xeito máis relaxado que unha carreira de San Silvestre, temos a oportunidade de visitar as Cíes o domingo 31 con doce badaladas para tomar as uvas da sorte de xeito anticipado desde a praia de Rodas, brindando de cara aos bos propósitos para o 2024. Naviera Nabia recupera este Nadal dous programas estelares: a Ruta do Mexillón e o Barco Turístico. Ambas as dúas viaxes ofrecen unha pasaxe guiada pola Ría. A primeira viaxe navégase entre bateas, cunha explicación máis detallada da cultura do mexillón con degustación incluída. A segunda está destinada a dar a coñecer as curiosidades da Ría de Vigo, con fitos históricos e lendas que tanto fascinan a locais e visitantes. Todos a bordo!
Maís informacións e reservas na súa web: https://www.piratasdenabia.com/