COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Descubrindo as músicas

Por que é necesaria unha plataforma como Descúbreas? A resposta está nos datos: segundo a ONU, na listaxe das 600 cancións máis populares entre o 2012 e o 2017 nos Estados Unidos, só o 22 % foron interpretadas por artistas femininas e o 12 % foron compostas por mulleres. Xa en España, nun estudo elaborado pola Universidade Carlos III de Madrid, por encargo da asociación MIM (Mujeres en la Industria de la Música), case o 70 % das mulleres enquisadas cobran menos do soldo medio masculino, e iso que unha porcentaxe similar empezou na música con estudos superiores e con coñecemento de idiomas.

Estamos ante un proxecto pioneiro da Deputación de Pontevedra levado a cabo en colaboración con Regalamúsica. Descúbreas xorde da observación e da necesidade que había dun espazo deste tipo. Ou, en palabras de Carmela Silva, presidenta da Deputación: «Nace para saldar unha débeda histórica coas mulleres do mundo da música. Queremos poñer o foco en mozas dos 16 aos 25 anos e axudalas a superar calquera barreira invisible que poida frustrar as aspiracións profesionais que teñan».

Descúbreas fornece unha plataforma en Internet (descubreas.com) especialmente dirixida a rapazas novas, ofrecendo un abano de ferramentas de grande utilidade, como un programa de mentoría: «Nós non queremos profesionalizar as rapazas, senón que coñezan como funciona a industria da man de compañeiras que xa traballan nela», comenta Olalla Dopico, coordinadora da iniciativa. Este asesoramento personalizado ten como cénit a gravación dunha canción nun estudio profesional e mais un videoclip. A convocatoria está aberta na web, onde poderán ser escollidos oito proxectos.

A través de numerosas entrevistas e dun amplo directorio, esta plataforma pon o foco en todas as traballadoras da industria musical: axentes, comunicadoras, docentes, produtoras, programadoras, promotoras, realizadoras, técnicas, xestoras… En resumo, crear referentes en todos os ámbitos do espectro musical. Tamén conta cun foro aberto a preguntas de diversa índole, atendido por profesionais na materia, e mais cunha serie de videotitoriais que facilitan algúns pasos iniciáticos, como explicar o funcionamento desta industria ou sobre como poder gravar no teu propio cuarto.

A plataforma leva en funcionamento desde finais de 2020. Nun acto que tivo lugar na sede viguesa da Deputación o pasado mes de febreiro puidemos ver a actuación en directo da cantautora Sanny, que pensa que se pode recibir «moita axuda dunha plataforma como esta». Na súa opinión, as desigualdades de xénero na sociedade non son alleas ao mundo da música, xeran inseguridades e transmiten a sensación de ter que ser sempre perfectas e coherentes: «Tamén temos dereito a tocar como nos pete, mesmo a ser uns desastres».

Abuso de poder, invisibilización, paternalismo… son algunhas circunstancias violentas ás que se ven sometidas moitas mulleres no ámbito artístico. Aínda sen ser un cambio pronunciado, a situación vai mudando aos poucos: «Desde o meu comezo, noto un cambio moi grande, pero aínda queda moito traballo de fondo nalgunhas partes do sector, como nos traballos máis técnicos ou nos postos directivos», indica Olalla. Nos últimos anos Sanny tamén se dedicou a «buscar e redescubrir referentes femininos», especialmente nun estilo tan masculinizado como o rock. «Alegroume ver que todos os nomeamentos á mellor interpretación deste estilo nos premios Grammy do último ano foron para mulleres», celebra a cantautora. 18 dos 31 galardóns foron outorgados a artistas femininas. Quizais isto sexa unha mostra de que os tempos están cambiando.

Pablo Vázquez
Redactor e fotógrafo

[Esta reportaxe foi publicada na revista A Movida de abril 2021 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres apoiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

SONRIAS
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.