Descubre os artistas galardoados nos Premios Maketón
Os Premios Maketón, os galardóns da música local, celebráronse o pasado xoves no Sinattra Club, onde os concertos de Lontreira e Stoned at Pompeii abriron e pecharon respectivamente a tradicional entrega de premios.
O Sinattra Club, a única sala de concertos do Casco Vello, presentou unha moi boa entrada para a gala dos Premios Maketón, que celebraban 23 edicións. A noite comezou co concerto con novo grupo Lontreira, que presentaron o seu álbum debut Apnea, publicado o pasado ano. Unha mestura de folclore, música latina e electrónica festeira para animar aos alí presentes.
Na seguinte hora foron descubríndose os nomes dos artistas gañadores desta edición. As primeiras en subirse ao escenario para recoller o seu galardón de mans de Juanjo Treus, responsable sala, foron María Soa e Sara Faro, Fillas de Cassandra, como mellor directo de 2023. Ibán Marciano e o resto do grupo Los Marcianos recibían a súa figura por parte do membro do xurado Xosé Otero pola súa Cápsula de evasión (Clifford Records), como mellor disco de 2023. Adri “Bocas” foi galardoado como mellor técnico de son de e recibiu a súa figura de mans de Miguel Ojea, responsable da sala Sinattra Club.
O mellor disco auto editado/producido foi para Wöyza & The Galician Messengers polo seu traballo homónimo de debut. O premio a mellor videoclip, foi para KYOTTO por ‘Noche de Halloween’, galardón que recollía o artista acompañado por Yago Cobain, director do videoclip e un dos grandes talentos dentro da videocreación galega. Pechábase o acto de entrega de premios co recoñecemento á traxectoria musical que recaeu no músico Tono Alcalde polos seus case trinta anos dedicados ao mundo da música, vinte deles na diáspora.
Para rematar o cuarteto de rock Stoned at Pompeii despregou todo o seu arsenal sonoro entre o que incluíron algúns temas do seu próximo traballo, Blissphony.
PALMARÉS
Mellor directo: Fillas de Cassandra
Mellor disco: Cápsula de evasión de Los Marcianos
Mellor disco autoeditado: Wöyza & The Galician Messengers
Mellor produtor/técnico de son: Adri “el bocas”
Mellor videoclip: ‘Noche de Halloween’ de KYOTTO, dirixido por Yago Cobain
Premio á traxectoria: Tono Alcalde