Deporte, ocio e solidariedade no Desafío Boot Camp
Volve a Boot Camp co claro obxectivo de converterse no maior evento de deporte e ocio do noroeste peninsular, que este ano contará, ademais da clásica carreira de obstáculos, con basket 3×3, zona acuática, paintball, música, actividades infantís e outro tipo de accións paralelas e solidarias. Espera duplicar o número de participantes e de público da edición pasada.
O Desafío Boot Camp terá lugar na praia de Samil entre os días 12 e 14 de outubro, e nel daranse cita tanto atletas profesionais como participantes amateur. Nesta proba haberá 3 categorías diferentes: élite, para profesionais, puntuable no campeonato de España e clasificatoria para o europeo; popular, tanto individual como en equipos; e kids, dividida en franxas de idade. Tes ata o 9 de outubro para inscribirte pinchando neste enlace. Ademais os seguidores de A Movida poden beneficiarse dun desconto de 5€ na inscripción introducindo o código AMOVIDA.
Ademais desta carreira, de 33 obstáculos naturais e artificiais e 7 km de lonxitude, haberá outras actividades deportivas como o basket urbano 3×3, no que competirán os días 13 e 14 máis de 40 equipos. Na zona acuática poderase practicar pádel surf, iniciarse no surf ou dar un paseo pola ría nunha moto de auga. Outras das actividades para convertir Samil nun gran centro deportivo serán as de zumba, ioga ou fitness, nas que participarán moitos centros e ximnasios da cidade.
Para nenos/as e adolescentes haberá actividades tan divertidas como o paintball ou o I Campionato de Bottle Flip, no que máis de 600 rapazas e rapaces competirán neste famoso xogo de lanzar unha botella e conseguir deixala de pé. Para os máis cativos haberá obradoiros os tres días de pinta caras, linguaxe de signos e taller RCP de primeiros auxilios.
O Boot Camp tamén terá unha vertente solidaria e medioambiental a través da campaña Reforesta, que pretende prantar máis de 1000 árbores nas zonas queimadas de Coruxo no 2017. Mediante unha recollida de tapóns de plástico doaranse cantidades á asociación Bicos de Papel. Por último, tamén busca que o impacto na praia sexa o menor posible, e por iso se realizarán recollidas de residuos e plásticos para deixar o terreo igual ou mellor que antes da proba.