Dani Stoyka: “Este disco fala de aproveitar a soidade para expresar unha idea”
Cando o tempo libre aumenta e as opcións de lecer redúcense, hai quen opta por aproveitar ese vacío mediante a música. É o caso de Dani Stoyka, quen no último ano xa sacou dous EPs en solitario, optando por estilos new wave que se afastan notablemente do que facía coa súa banda Stoyka. Neste último traballo, Elevator Muzak Club, opta por contarnos catro historias unidas por un vello ascensor de hotel, cuxo fío musical son as propias cancións. Xa está dispoñible en plataformas dixitais desde este venres 5 de febreiro.
Ese ascensor funciona de refuxio para os protagonistas das catro cancións do disco, ao igual que a música funciona como refuxio para Dani: “non só para protexerme do exterior, senón tamén para crear o teu propio nicho e poder expresarte. Este disco fala de aproveitar a soidade para expresar unha idea”. O termo Muzak utilízase para referirse ás músicas que semellan de ascensor, algo que en moitas ocasións ten connotacións despectivas: “é unha música que non está pensada para unha escoita activa, e aínda que sexa visto como algo negativo, é realmente difícil facer música que manteña un mesmo estado de ánimo e rompa ese silencio que se crea en certos ambientes”, expón. É máis, o propio artista recomenda facer outras cousas mentras se escoita o disco.
Stoyka, a banda da que forma parte e da que sae o seu apelido artístico, leva un tempo de parón indefinido. A pesar de que este novo proxecto non é unha continuación lóxica do anterior, Dani cre que “actualmente son o músico que son por crecer nesa banda, polo que si que hai algo de Stoyka nestes discos”. Se no primeiro EP, Backroads Vapor Journey, colaborou con Osoazul, o seu ex-compañeiro Gonzalo, neste faino coa súa amiga Amarelo, que aínda que non se dedica activamente á música, “fíxoo francamente ben e o resultado é tan bo grazas á súa voz”.
Dani Stoyka está aberto a todo tipo de colaboracións, tanto musicais como doutras disciplinas artísticas: “A música é algo que une, e poder levar a cabo un concepto artístico con amigos e xente coñecida sempre resulta interesante”. De feito, aínda que os seus dous lanzamentos discográficos coincidan co período pandémico, Dani leva xa moitos anos compoñendo e gravando pola súa conta, pero foi a raíz da escaseza de concertos cando decidiu darlle saída a esa música gravada no seu cuarto. Un lugar, por certo, no que se sinte moi cómodo tocando, “é como quen fai un puzzle”. Iso non significa que non bote de menos compoñer con outra xente ou tocar en directo, experiencia que vivie “algo apartado do público, como en trance; con todo, é moi interesante cando a xente escoita de maneira activa, pásao ben ou mesmo está no seu propio mundo. Non hai nada máis agradable que ver a alguén conectando co que estás a facer nese momento”.
Seguindo co tema do directo, é evidente que tanto Backroads Vapor Journey como Elevator Muzak Club son discos difíciles de levar ao vivo, xa que neles Dani exerce como multiinstrumentista. “Penso que o primeiro é moi complicado levalo ao directo, polo menos no formato de instrumentos tocados en vivo, pero quizais funcionaría como un DJ set“, argumenta. Pola contra, o segundo xa está pensando para “crear unha atomosfera cos menores instrumentos posibles e que non se note esa falta de instrumentación”. Tamén nos advirte que, con bastante probabilidade, cando xa se poidan facer concertos igual ten un novo disco que presentar. A cabeza de Dani non para.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024