CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Cumbia psicodélica da man de Indy Tumbita & The Voodoo Bandits

Indy Tumbita & The Voodoo Bandits levan un lustro percorrendo as estradas de todo o Estado, e mesmo actuaron na sala New River de Londres en 2019. Tras varios singles e un par de EP de temática natalicia, chega por fin o primeiro disco do inquieto guitarrista vigués acompañado polos bandidos do vudú, que leva por nome Cocodrilia: Cumbia Surf a la Tumbita’s Way. Polo momento a primeira oportunidade que teremos de velos en directo será o próximo 13 de xuño en sesión vermú na fábrica de cervexa Galician Brew, en Padróns, Ponteareas.

Foto promocional de Indy Tumbita & The Voodoo Bandits, xa coa incorporación de Isa Mariño á percusión | Guillermo Lamas

Israel Ruíz, a persoa que se agocha tras o alter ego Indy Tumbita, podería montar el só unha escena musical cos seus proxectos pasados e presentes: Pussycats, Thee Tumbitas, Pedrito Diablo & Los Cadáveras, Los Villanos de Boraville, Joao Tomba, Heroínas, Los Duques de Monterrey, Los Traumáticos, The Bible Belt… O seu talento, versatilidade e paixón polo rock and roll quedan fóra de toda dúbida.

CAMELIAS NADAL

Tamén resulta curiosa a súa evolución: dun punk rock garagero con Pussycats e Thee Tumbitas (os White Stripes vigueses) a cumbias psicodélicas e surf instrumental na actualidade. “O meu gusto polas rancheiras xa vén de vello porque na miña casa escoitábase a Vicente Fernández e José Alfredo Jiménez. A cumbia chegou despois cando coñecín os recopilatorios The Roots of Chicha, onde descubrín grupos como Los Destellos, Los Mirlos ou Juaneco y su Combo e quedei hipnotizado”. Este xiro dos Voodoo Bandits do surf á cumbia xurdiu na furgoneta de camiño a Euskadi, cando compuxeron un tema para o aniversario dun amigo seu amante deste xénero.

Esta canción foi bautizada como ‘Cocodrilia (La cumbia de Eneko)’, segundo corte do disco ao que ademais acabaría por darlle nome, iniciando unha nova etapa musical na frondosa carreira de Tumbita: “Cando o tocamos en directo foi un flipe, todo o mundo bailando… E aí decidimos continuar por este camiño”. Esta transición concedeulle máis personalidade á banda, que antes consistía nun conxutno de apoio para tocar ao vivo as cancións de Indy recollidas no notable Bay Vibrations (2016).

Os 11 temas do álbum son carne de banda sonora: teñen un aire tarantiniano que encaixaría á perfección nun filme con “moita droga e moita liberdade”, segundo imaxina Indy. E do cine pasamos ás artes plásticas, xa que unha das actividades que levou a cabo nos últimos meses para manter a cabeza no sitio foi a pintura, como podemos ver na portada de Cocodrilia: “Eu estudei Belas Artes e púxenme coas acuarelas a facer cousas relacionadas coa música. Primeiro cos meus grupos e despois facendo encargos para outra xente”. Algo que, ademais de para desenvolver aínda máis a súa desbordante imaxinación, serviulle para gañar uns poucos cartos: “Non sei se a xente o sabe, pero os rockeiros tamén temos que comer”, comenta con ironía. O vinilo pode mercarse tanto no Bandcamp de Family Spree Recordings como en Discos Elepé, Pick Up e Honky Tonk.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.