Rafa Chao cóntanos en primerira persoa o concerto de aniversario da banda Frying Luras
O pasado venres foi un gran día para a banda viguesa Frying Luras. Como nos contaban nesta entrevista algúns días antes, festexaban o seu 20 aniversario como formación, celebración que acompañaban co lanzamento do seu primeiro disco, Die Bucht der Schätze. Intuían unha noite memorable, pero o acontecido na sala La Fábrica de Chocolate superou as súas expectativas. Por iso, Rafa Chao, lánzase hoxe a escribir esta crónica en primeira persoa sobre a experiencia e, de paso, lémbranos as seguintes datas nas que poderemos gozar da música de Frying Luras. (Fotos: Suso González)
O venres pola mañá, nada máis levantarme, o primeiro que fixen foi coller o teléfono e botar unha ollada á venda de entradas anticipadas. Desde o luns a cousa comezara a dispararse e pasaramos de levar 60 anticipadas, algo que xa nos parecía un éxito, a superar as 180 e subindo a cada minuto.
Había nervios e tensión na banda, era unha data importante, quizais a máis importante nestes 20 anos de carreira. Presentabamos o noso primeiro disco e todo empezaba a indicar que iamos colgar o cartel de “completo” aínda que nos mantiñamos incrédulos ante semellante tolemia. Eu encargueime de toda a promoción do concerto: redes sociais, xornais, radios, televisións, así como da producción de discos e camisetas e un sinfín de cousas que me mantiveron ocupado e emocionado a partes iguais durante os 36 días previos á noite do concerto.
Tamén tomei a iniciativa de artellar unha xira galega, ao decatarme de que unha soa data non tiña sentido. Era o noso vixésimo aniversario e presentábamos o noso primeiro disco, así que mentres seguía coa promo empecei a seleccionar as posibles salas onde nos gustaría presentar a nosa música. Meu dito meu feito. Pub Gatos en Melide foi o meu primeiro contacto en dar o ok, despois veu o Clavicémbalo de Lugo, onde tamén nos deron a súa confianza. A xira empezaba a coller forma. Seguiron chegando confirmacións: Mardi Gras, en Coruña; La Pecera, en Vigo, do meu querido Eduardo; a Salason, en Cangas, e A Borriquita de Belém, en Santiago, déronnos tamén o seu agarimo ao pecharnos unha data para presentar o noso disco.
As dúas semanas anteriores dobramos os ensaios, pasando a ensaiar dúas veces á semana. O repertorio constaba de 20 temas, por aquilo do 20 aniversario. Os convidados ao concerto, Oliver González e Rafael Graña, antigos compoñentes, Eladio Santos e Antón (fillo de Roberto, o noso frontman) ían desfilando polo local de ensaio e a cousa empezaba a coller o son que buscabamos.
Xa era venres pola tarde e estabamos na proba de son. A partir das 21h tiñamos unha cita cos nosos fans na Reserva Rock, onde montamos unha previa para agradecerlles 20 anos de apoio. La Fábrica de Chocolate abriu portas ás 22:30 h e ás 22:50 h xa non quedaban entradas. Desde o camerino percibíase que ía ser unha gran noite, a xente empezaba a impacientarse. Xuntamos as nosas mans, berramos “Frying Luras” e saímos ao escenario para gozar dunha noite máxica de rock and roll. Entre o público estaban os nosos amigos, familiares e seguidores da banda. Moitos coñecidos e algúns novos que se achegaron á sala atraídos pola corrente Fryinglurística. Foron 20 temas ben executados nunha hora e media que como moita xente comentou unha vez terminado o concerto, pasaron nun segundo.
Xa no camerino, moitas mostras de agarimo, abrazos, emocións e algunha que outra bágoa invadiron a todos os alí presentes. Álvaro, responsable de programción da sala veu felicitarnos e dicirnos que mais de 100 persoas quedaran na rúa sen entrada, que fora un concerto histórico para o recordo. Podedes imaxinar a de sensacións que percorreron o meu corpo. Todo saíra perfecto. O traballo dos últimos 36 días dera os seus froitos. A xente estaba encantada, as camisetas da banda no merchan estaban a voar, do mesmo xeito que nós, que neses momentos camiñabamos a dous palmos sobre o chan. E a xira non fixera máis que empezar. Agora mesmo xa estamos a preparar o noso seguinte concerto, o 22 de novembro en Cangas na Salason.
Rafa Chao, batería dos Frying Luras