Coroando os montes de Vigo
Vigo é sinónimo de mar pero tamén de montaña. Os vigueses temos a sorte de poder gozar da praia pero tamén dos espazos verdes. A cidade olívica está rodeada por unha cadea de montes, espazos naturais que podemos coñecer camiñando. Un dos percorridos máis completos e bonitos para percorrer os nosos montes é o Sendeiro Panorámico de Vigo GR 53.
O Sendeiro Panorámico de Vigo GR 53, é a máis longa de tódalas rutas homologadas que percorren o concello de Vigo. Un percorrido que circunvala os montes que rodean a cidade e dende os que temos unhas vistas preciosas e un entorno natural de gran valor. A ruta consta de 39 km de dificultade media que atravesa 11 dos 12 parques forestais da cidade. Unha opción para facer o percorrido completo é repartilo en tres etapas: Saiáns – a Pasaxe, A Pasaxe -Puxeiros e Puxeiros – A Madroa.
Tramo I Saiáns – A Pasaxe
Lonxitude: 15km
Duración: 5 horas
Dificultade: media-alta
A ruta comeza na Igrexa de Saiáns dende aquí ascenderemos ao parque forestal de Saiáns. A continuación, atravesaremos o parque forestal de San Miguel de Oia ata alcanzar a parroquia de Coruxo. Ascenderemos unha sinuosa senda ata alcanzar os petróglifos de Fragoselo, valiosos gravados rupestres da Idade de Bronce. Tras atravesar o río Barxa en Fragoselo, volveremos ascender ata alcanzar o parque forestal Monte dos Pozos. O desnivel acentúase ata acadar o Monte Alba e o Cepudo dende os que temos unha preciosa panorámica. Dende aquí nos diriximos a Pasaxe en Vincios onde remata este primeiro tramo.
Tramo II A Pasaxe – Puxeiros
Lonxitude: 14 km
Duración: 5 horas
Dificultade: media – Baixa
Comezamos este tramo do percorrido no polígono industrial de A Pasaxe, dende aquí nos dirixiremos á Fraga e a continuación chegaremos a Muíño das Maquías e ao Embalse de Zamáns. Dende este punto poremos rumbo ao parque forestal de Beade atravesando a cidade universitaria, o CUVI. A seguinte parada e no Mercantil, onde podemos observar un dolmen bastante ben conservado. Camiñaremos por unha senda que limita entre Vigo e Mos ata comezar o ascenso en dirección ao parque forestal de Cabral. Dende aquí acadaremos o alto de Puxeiros onde poremos fin a esta etapa.
Tramo III Puxeiros – A Madroa
Lonxitude: 11 km
Duración: 3 horas
Dificultade: media – baixa
O último tramo da Senda Panorámica parte do Alto de Puxeiros. Dende este punto nos dirixiremos ao parque forestal de Cotogrande e dende aquí ascenderemos cara As Laxes pasando xunto ao IFEVI e o Aeroporto. Chegaremos ao parque forestal de O Vixiador, e a continuación, descenderemos ata alcanzar o camposanto de Candeán onde se atopan unha morea de restos arqueolóxicos. Na última parte do percorrido pasaremos xunto o zoolóxico ata alcanzar o parque forestal de Teis onde remata a senda.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024