CAMELIAS MASCOTAS

Corentena por partida dobre con Touriñán e Perdomo

Xa pasaron catro anos do inicio do estado de alarma que nos tivo pechados na casa durante máis de tres meses. Houbo quen aproveitou ese tempo para facer repostería, para recuperar hábitos como o exercicio físico ou a lectura ou ben para reorganizar a distribución dos mobles. Os cómicos David Perdomo e Xosé A. Touriñán decidiron facer unhas conexións en directo a través de Instagram, segundo o primeiro, «para estar entretidos e pasalo ben».

REVISTA NOVEMBRO
Perdomo e Touriñán en Vigo | Fotos: Pablo Vázquez

Estes vídeos, onde os dous intérpretes facían imitacións e creaban personaxes servíndose dos filtros da aplicación, sumaban cada vez máis adeptos: «Acadamos picos de 30.000 espectadores; tiñamos máis audiencia que moitas televisións», engade. Cunha filosofía moi teatral, unha vez emitidas non quedaba nin rastro destas pezas. O que para estes actores era un xogo e un adestramento, para moita xente supuxo un respiro en tempos difíciles.

Tres anos despois decidiron levar este show virtual ás táboas baixo o contundente nome de Corentena, tanto polo encerro obrigado daqueles tempos como pola idade que teñen ambos os dous humoristas. Touriñán define o espectáculo como unha partida de ping-pong na que tratan de facerse rir mutuamente e onde a improvisación está á orde do día. «Eu debería pagar tamén unha entrada polo ben que o paso», di o de Culleredo. A relación profesional e a amizade que os une vén de vello, e esa complicidade nótase en escena. «O respecto e o amor polo compañeiro é o que vai facer que un brille máis; é moi bonito ver unha parella de cómicos que se entenden nada máis mirarse», explica o coruñés Perdomo.

O éxito que tiveron hai anos tras a pantalla do móbil estase a trasladar aos auditorios. O propio Touriñán, acostumado a participar en proxectos notorios como Amigos ata a morte ou Fariña, o espectáculo teatral, recoñece que esta xira está a superar todas as expectativas. «Estamos enchendo e volvendo a encher todos os teatros de Galicia polos que pasamos. É a hostia e hai que valoralo, porque é moi difícil vivir disto e que a cousa vaia tan ben di moito do espectáculo», conclúe Touriñán.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.