Conectando coa natureza no festival EcoSons
Nace en Vigo un festival para devolverlle á natureza un pouco do que se lle roubou o pasado outubro coa vaga de incendios que asolou Vigo e a súa contorna. O EcoSons é a proposta de Ecolectivo para o vindeiro 14 de xullo. Unha romaría na que haberá música, gastronomía vegana e actividades de divulgación.
‘Música para as árbores’, ese é o lema do EcoSons, un novo festival de música no que o respecto pola natureza é a súa base fundamental. Esta singular romaría terá lugar no Ecolectivo (Sárdoma) o vindeiro sábado 14 de xullo. Pasados dez meses dos lumes que tiveron lugar en outubro na nosa cidade, Ecolectivo aposta por desenvolver esta actividade e lle de devolver as árbores parte da música que estas nos permiten facer.
A xornada comezará ás 12 da mañá cunha sesión vermú a cargo do cantor Iván Gulín, quen fará música das distintas terras polas que ten viaxado. Despois do xantar, haberá unha sesión de divulgación na que se tratará a relación música-natureza. Pola tarde, desfrutarase do artista lalinense Benxamín Otero Otero co seu novo proxecto ‘Concerto a só’. Otero deleitará aos presentes co seu óboe, guitarra eléctrica e unha caixiña de música. Seguiranlle as chelistas Jimena Andión García e Laura Juncal Pájaro que compoñen o dúo A Piacere. Interpretarán pezas do repertorio pop-rock actual relacionadas coa natureza, como ‘Human Nature’ de Michael Jackson ou ‘Wellcome to the Jungle’ de Guns and Roses. A actuación das pandereteiras a Pontragha as Bouba pechará o festival. Este grupo de música tradicional de ben seguro animará a rematar a xornada botando uns bailes.
Ecosons é un proxecto autosustentable. Os tíckets teñen un prezo de 10€, nenos menores de 12 anos entran gratis, e os beneficios serán destinados ao proxecto ‘A natureza da música’, xestionado pola Fundación Galicia Sustentable (FGS). As entradas xa se poden adquirir en tendas de alimentación ecolóxica de Vigo (Urbanic, Nevera Verde, Árbore Cooperativa de Consumo Responsable, A artesa de Bea e Miso Tienda Sana) e en Nigrán (Horta Fresca e Asante Sana) ou por internet en www.ecosonsfestival.com.