CAMELIAS MASCOTAS

Concha Martínez Barreto convídanos a ollar aos medos da infancia no Museo Marco

Cuando acabe el día’ é o nome da exposición que Concha Martínez Barreto acaba de inaugurar no Museo Marco. Nela recolle traballos pictóricos, fotográficos e escultóricos e remite a un tempo nocturno entendido como ese lugar de soidade no que non existe o superfluo.

O proxecto da artista murciana, Concha Martínez Barreto, arrancou a partir dunhas cartas que atopou datadas de 1943. Daquelas epístolas entre unha nai e un fillo londinienses foi eliminando todas as palabras superfluas ata quedar coa esencia: ‘Dear Baby, I have been coming down every night’. Do mesmo xeito, a través desta exposición titulada ‘Cuando acabe el día’, Barreto quere trasladarnos á noite, a ese momento de soidade onde nos desprendemos do prescindible para internármonos no máis fondo.

REVISTA NOVEMBRO

A través de diferentes técnicas: a pintura, a fotografía e a escultura trasládanos ao pasado, aos nosos medos máis primarios que non difiren moito daqueles que tiñamos na nosa infancia. En palabras da propia autora “Se ben Francis Bacon dixo que os nenos teñen medo da noite e os maiores da morte, o primeiro non desaparece nunca en nós, senón que como sinalou Freud: nada temos que dicir da soidade, do silencio e da escuridade, agás que estes son realmente os factores cos cales se vincula a angustia infantil, xamais extinguida totalmente na maioría dos seres”.

Parte da exposición está composta por unha serie de novelas que no seu título levan do número 1 ao 100, pero como explicou a propia artistas na inauguración da mostra tamén hai baleiros: “Hai días, dos que non puiden atopar nada.” Estes ocos están ocupados na propia mostra por unha greguería de Ramón Gómez de la Serna “Era tan cativo, que cría aínda que o arco da vella quería dicir que rematara a tormenta”.

A mostra pode visitarse no segundo andar do Museo Marco ata o 24 de xaneiro de 2024 de martes a sábados (festivos incluídos) de 11:00 a 14:30 h e de 17:00 a 21:00 h; e os domingos de 11:00 a 14:30 h.