CAMELIAS MASCOTAS

Concertos de piano e paseos en barco no Forum do Instituto de Estudos Vigueses

O Instituto de Estudos Vigueses, fundado en 1991, volve tras dous anos de parón co seu Forum, un ciclo de conferencias ao longo de 2022 que xirarán arredor de Vigo. Da súa historia, do presente e tamén do que está por vir en temas relacionados coa Universidade, co mar ou coa arquitectura. Agás dous dos eventos, o resto terán lugar na fermosa hemeroteca da Escola de Artes e Oficios. O ciclo comeza este xoves 28 de abril.

REVISTA NOVEMBRO
Un barco navegando na ría de Vigo | P. Vázquez

Antonio Giráldez, historiador e membro fundador do Instituto de Estudos Vigueses (IEV), comezaba a presentación do Forum citando a Fray Luis de Leon e a Miguel de Unamunos cos seus sendos “Como decíamos ayer…”. Neste caso, a longa espera de dous anos non tivo que ver coa Inquisición nin coa dictadura, se non coa pandemia. Afortunadamente xa está de volta este ambicioso ciclo de conferencias que buscan poñer en práctica unha das máximas do IEV: coñecer e dar a coñecer a historia de Vigo.

O Forum non podía comezar mellor, pois os 28 de abril haberá na hemeroteca da EMAO un híbrido entre recital de piano, a cargo de Alejo Amoedo, e un relatorio sobre os salóns vigueses dos séculos XIX e XX, da man de Pablo Abreu. Á semana seguinte, o reitor da Universidade de Vigo Manuel J. Reigosa falará dos retos da universidade para o futuro próximo. Seguindo esta liña, María Isabel Doval falará o 12 de maio da deste estamento e da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible do Sur de Galicia.O 16 de xuño, baixo o título de A seña adolecida, a responsable de Anfaco Mariña López afondará no patrimonio industrial de Vigo.

Outro dos pratos fortes chegará o 20 de xuño, cun paseo en barco pola ría de Vigo, aderezado con explicacións históricas sobre a industria do mar e a súa influencia no desenvolvemento da cidade. Desde a organización sinalan que debido ao éxito da proposta, as prazas non tardarán en esgotarse e que non descartan facer outro evento similar. A volta das vacacións, o 15 de setembro Jesús Vázquez, presidente do porto de Vigo, versará sobre o papel líder do porto olívico ao longo dos anos no Auditorio do Porto. A expresidenta do Círculo de Empresarios de Vigo, Patricia García, expoñerá o 13 de outubrosobre o Vigo do futuro, o Vigo que soñamos. Para rematar, o reputado arquitecto César Portela falará o 17 de novembro da arquitectura viguesa e o mar, poñendo como exemplo obras súas como o Verbum, o auditorio Mar de Vigo e o Museo do Mar.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.