VIALIA
bannerPicnicSesions

Carlos Núñez inaugura o Forum 2023 do Instituto de Estudos Vigueses

O recoñocido músico vigués Carlos Núñez inaugura este xoves 2 de marzo o IV Forum do Instituto de Estudos Vigueses, unha serie de conferencias baixo o lema Proxectar Vigo que abarcan diferentes aspectos da cultura, historia, arquitectura e economía local.

Carlos Núñez no alto do Castro, en 2019 | P. Vázquez

O Instituto de Estudios Vigueses  (IEV) é unha Institución cultural que traballa na investigación e divulgación dos coñecementos e investigacións relacionadas co Vigo metropolitano. Esta nova edición do Forum trae á cidade 11 actividades, na súa maioría conferencias na Hemeroteca da EMAO, entre marzo e novembro. Na programación destaca a participación de Carlos Núñez na sesión inaugural, as dúas xornadas dedicadas ao pioneiro cinematográfico José Gil ou o paseo en barco pola ría de Vigo da man do xeólogo Federico Vilas e do historiador Xoán Carmona.

PROGRAMACIÓN

Xoves 2 de marzo (EMAO, 19:30): A música celta: historia e marca creadora de riqueza cultural 

Carlos Núñez, músico, presentado por Antonio Giráldez Lomba, membro do Instituto de Estudios Vigueses, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Salamanca e profesor de Historia. O gaiteiro vigués conversará sobre as últimas novidades académicas do mundo celta, especialmente da música, entendida como un xénero con fondas raíces históricas e grandes posibilidades na escena internacional, dende una perspectiva galega. 

Xoves 23 de marzo (EMAO, 19:30): Recital de voz e piano. A auga na poesía e na música en Galicia: escolma para voz e piano

Susana de Lorenzo, soprano lírica e compositora. Alejo Amoedo, pianista e doutor pola Universitade Politécnica de Valencia. Dos catro elementos da natureza, -auga, terra, aire e lume-, é o primeiro o que ten inspirado máis aos poetas e compositores de todas as épocas e estilos. A auga, como elemento vital, simboliza os sentimentos, as emocións, as conexións co noso mundo interior; tamén ten a calidade de estimular os nosos sentidos e invítanos a imaxinar, a soñar… 

Xoves 13 de abril (EMAO, 19:30): José Gil, o iconauta de Vigo 

Manolo González, historiador, profesor de Historia de España e Cultura Audiovisual e autor dunha biografía sobre José Gil, presentado por José Luis Mateo, membro do Instituto de Estudios Vigueses e licenciado en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago. Esta é a historia de superación dun home que naceu pobre nunha pequena aldea de As Neves, mais foi quen de construírse a si mesmo ata se converter no pioneiro do cine en Galicia. José Gil foi produtor, director e camarógrafo ao longo de 25 anos en máis de 150 películas, sendo practicamente o primeiro en todo no audiovisual galego: cine industrial, turístico ou educativo, publicidade, documentalista e cine ficcional. 

Xoves 27 de abril (EMAO, 19:30): Proxección de cortos de José Gil con acompañamento ó piano 

José Luis Mateo, membro do Instituto de Estudios Vigueses e licenciado en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago, con acompañamento de Cándido Cabaleiro, pianista e profesor de Música. 

Xoves 18 de maio (EMAO, 19:30): Vigo, cidade inclusiva e a súa diversidade

Cipriano Luis Jiménez Casas, médico psiquiatra e Director Xeral da Fundación Menela, presentado por Jacinto Lareo, membro do Instituto de Estudios Vigueses, doutor en Dereito e presidente da Fundación Tutelar Galega para Persoas con Discapacidade Intelectual SALVORA. Lograr que as cidades e os asentamentos sexan inclusivos, seguros, resilientes e sostenibles é un dos obxetivos de desenrolo sostible da Axenda 2030 da ONU na que encaixa perfectamente a nosa cidade. Dende hai varias décadas, hai unha demanda cada vez máis intensa arredor da diversidade. Respectar ó outro para, ó mesmo tempo, ser respectado. A exclusión social das persoas con discapacidade non é unha fatalidade, senón o resultado de factores sociais, culturais e políticos.

Mércores 21 de xuño (Peirao Estación Marítima, 17:30): Viaxe en barco pola ría de Vigo: o contexto xeolóxico da súa formación e a historia do seu desenvolvemento industrial

Federico Vilas, catedrático emérito de Xeoloxía da Universidade de Vigo, e Xoán Carmona Badía, catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago. Cos nosos dous guías, saímos do porto de Vigo navegando ó longo do porto pesqueiro en dirección sur (Museo do Mar, Toralla), achegándonos a Cangas (Punta Balea) e Moaña (pola beira do Morrazo), ponte de Rande, chegaremos fronte a San Simón e volveremos pola beira sur da ría (Museo Meirande, ETEA, Guixar) á Estación Marítima de Vigo. 

Xoves 14 de setembro (Auditorio do Porto de Vigo, 19:30): O proxecto Julio Verne: o hidróxeno verde e o porto de Vigo 

Carlos Botana, Coordinador Pilar Puertos Espacio Atlántico de la Comisión Europea, presentado por Carlos Núñez, membro do Instituto de Estudios Vigueses e publicista. O porto de Vigo, na súa estratexia «blue growth», con máis de 300 expertos do mundo universitario, tecnolóxico e empresarial busca ser a semente da descarbonización de Vigo e de Galicia. Conta para elo co proxecto Julio Verne de xeneración e distribución de hidróxeno verde coma revolución do cambio. 

Xoves 5 de outubro (EMAO, 19:30): O desenvolvemento urbano de Vigo con mapas

Xosé Manuel Souto, doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago e profesor titular da Universidade de Valencia, presentado por Juan Miguel González Fernández, doutor en Historia Moderna pola Universidade de Santiago. O período entre 1960 e 1980 foi o máis dinámico no crecemento urbano de Vigo, tanto no incremento demográfico como na construción de vivendas. As transformacións no plano urbano e nas perspectivas dos volumes construidos son evidentes e sobre dita observación temos que construir unha explicación, pois así podemos ter criterios para o desenvolvemento futuro. Na argumentación buscaremos integrar as variables urbanísticas morfolóxicas coa evolución das relacións sociais de identidade e o marco político que condicionou esta transformación. 

Xoves 19 de outubro (EMAO, 19:30): Vigo no Eixe Atlántico. 

Xoan Vázquez Mao, Secretario do Eixe Atlántico, presentado por Antonio Giráldez Lomba, membro do Instituto de Estudios Vigueses, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Salamanca e profesor de Historia. Un dos principais eixes desenvolto nas ciudades dende finais do século XX e, sinaladamente, no que levamos do século XXI, é a chamada «diplomacia de proximidade» e a súa vertente de diplomacia económica, a través da creación de figuras de arquitectura estratéxica destinadas a promover estes modelos de diplomacia local que desenvolven posicionamento xeoestratéxico das ciudades. Neste ámbito, Vigo ten grandes potencialidades que aínda non desenvolveu e cuxo impulso variou dependendo de cada goberno municipal. 

Xoves 9 de novembro (EMAO, 19:30): Proxección empresarial de Vigo: empresas de futuro. KALEIDO, MARINE STRUMENTS e ALÉN SPACE

REVISTA ABRIL

Presenta María del Pilar López Vidal, membro do Instituto de Estudios Vigueses, doutora en Ciencias Económicas e Empresariais pola universidade de Santiago e profesora de Organización de Empresas da Universidade de Vigo.  KALEIDO é un operador loxístico que traballa en proxectos en calquera lugar do mundo por terra, mar e aire, apostando pola innovación. MARINE STRUMENTS é unha empresa innovadora adicada á fabricación de equipos electrónicos para o medio mariño orientados ó fomento de océanos intelixentes e a pesca sostible. ALÉN SPACE é unha empresa que facilita solucións para negocios no espazo a tracés do diseño, fabricación e operación de nanosatélites a medida, integrada po enxeñeiros formados na Universidade de Vigo. 

Xoves 23 de novembro  (EMAO, 19:30): Antonio Palacios, arquitecto. Sincretismo nas barriadas de Antonio Palacios

José Luis Varela Alén, doutor en Arquitectura e profesor de Ensino Medio, presentado por José Luis Mateo, membro do Instituto de Estudios Vigueses e licenciado en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago. A versatilidade de Palacios levoulle a responder a diferentes requerimentos sociais como se aprecia nos tres proxectos vencellados ós programas de vivendas que elaborou nun período de sete anos: o proxecto de urbanización Aldea Galega-Casablanca (1925) en As Xubias, A Coruña, o proxecto Barriada da Espiñeira (1925), en As Barreiras, Santiago, e a «inserción» desta última no proxecto do Ensanche e Reforma Interior de Vigo (1932).