REVISTA ABRIL

Compartaxi, a nova app para partillar taxi en Vigo

A central Radio Taxi lanza Compartaxi, unha app para facilitar as viaxes compartidas neste medio de transporte, conseguindo un abaratamento moi notable no prezo final. Xa está dispoñible para a súa descarga nos diferentes dispositivos móbiles.

REVISTA ABRIL
Manuel Chorén, presidente da Central de Radio Taxi, xunto ao seu coche | P. Vázquez

A Central de Radio Taxi, a máis numerosa da cidade cun total de máis de 400 licencias, vén de anunciar este martes 13 a aplicación móbil Compartaxi. Esta app permitirá que as persoas que vaian realizar un mesmo percorrido, por exemplo a un posto de traballo, ao aeroporto, a praia ou ao hospital, poidan facelo compartindo un mesmo taxi, reducindo o impacto no medioambiente e no pago final. Así, dunha carreira de 25€ pódese pasar a unha de 6€ se catro persoas comparten vehículo.

Esta clase de servizos era unha das demandas das persoas que viven no extraradio da cidade, pois a frecuencia do tranporte público non se adapta as súas necesidades. Tamén está orientado ás persoas maiores, xa que moitas delas non poden conducir un vehículo propio e teñen que realizar varios trasbordos para chegar, por exemplo, ao centro de saúde. Outra opción pode ser que varias persoas que traballen nunha mesma empresa se poñan de acordo para compartir taxi, pois o percorrido ou os horarios do Vitrasa non coinciden coas súas demandas.

Manuel Chorén, presidente da Central de Radio Taxi, incidiu nas medidas anticovid que se están a tomar a día de hoxe nos taxis para que sexan espazos totalmente seguros: máscara obrigatoria, mamparas, ventilación, desinfección despois de cada viaxe… Polo tanto, Compartaxi convírtese nunha boa opción para viaxes grupais tanto dentro da cidade como nos arredores.