REVISTA OUTUBRO

No taxi con Manuel Chorén, que levou a Serrat o día que cancelou o concerto en Castrelos

Os taxistas son sen dúbida das persoas que mellor coñecen a cidade. Os costumes, as horas de máis tránsito, as rúas, as xentes… son tamén un dos primeiros contactos que teñen os visitantes nada máis pór o pé na terra visitada. Inauguramos esta sección na que subiremos aos taxis de Vigo para que os seus condutores nos conten esas intrahistorias da nosa cidade.

Manuel Chorén leva 39 anos traballando como taxista en Vigo. | P. Vázquez

O primeiro convidado é Manuel Chorén, actual presidente da Cooperativa Central Radio Taxi. Chorén ten madeira de sindicalista. De mozo traballaba en Citroën onde era enlace sindical, pero co tempo xuntou algo de diñeiro e decidiu deixalo e comprar un taxi xunto a outro compañeiro. Hai agora 39 anos daquela decisión da que non se arrepinte en absoluto, “gústame moito esta profesión. Especialmente pola liberdade que me dá, que non tes con ningún outro negocio ou traballando nunha empresa. Eu se hoxe me atopo mal ou teño un compromiso familiar non vou traballar e non pasa nada.” Pero máis alá da flexibilidade horaria, o taxista tamén fala da liberdade de pensamento: “No taxi nunca tiven problema polo meu pensamento político”.

Aínda que admite que era visto con receo entre os compañeiros antes de chegar a presidente. “O sector do taxi era tradicionalmente de dereitas e tiñan medo de que afundise o negocio”, sinala. Mais cre que agora están contentos con todo o conseguido ao longo destes nove anos. “Traballamos nunha nova ordenanza que regula os contratos dos choferes para que non sexan explotados, agora non poden ser contratados por horas senón que teñen que ter un contrato de xornada completa”, explica que era moi común no sector contratar aos conductores por 2 ou 4 horas e logo telos a traballar 10 ou 12 horas. “Tamén conseguimos ampliar a tarifa dúas para toda a fin de semana e abrimos o taxi a cidade colaborando en accións como a Andaina para axudar aos nenos con cancro ou as visitas as luces de persoas maiores en residencias durante o Nadal”, engade o taxista.

De política tamén falou con Serrat. En xullo do 2018 o cantautor catalán visitaba a nosa cidade para subirse ao escenario de Castrelos, máis unha farinxite impediullo. Chorén estaba na parada de Povisa cando Serrat, visiblemente afectado por non poder actuar esa noite, entrou no coche canda ao seu manager. Eran arredor das catro da tarde e o músico, que viña de dar a noite anterior un recital de máis de dúas horas na Coruña, viase na obriga de cancelar a cita co público vigués. No traxecto desde o hospital ata o pazo dos Escudos, taxista e músico simpatizaron. Conta Chorén que a Serrat chamáballe a atención os chalés polos que ían pasando de camiño a Alcabre e preguntáballe se eran de emigrantes que foran facer as Américas.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.