COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Cómics Vigo: a excepción á norma

Se pensamos nunha tenda de banda deseñada en Vigo é difícil que a nosa cabeza non vaia á Ronda de Don Bosco. Desde hai un par de anos, e por unha cuestión burocrática coa editorial catalana Norma, o sobranceiro establecemento vigués pasou a denominarse Cómics Vigo.

“Comezamos como franquicia deles, pero aos dous anos xa non tiñamos nada que ver. Foi hai pouco cando decidiron deixar só unha tenda central en Barcelona con ese nome. Quedabamos catro en toda España que aínda mantiñamos o nome. Eu pedinlles que, para o que me quedaba ata xubilarme, que me deixaran mantelo, que era moi coñecido en Vigo. Pero non houbo maneira”, explica Ángeles Díaz, xerente da tenda desde a súa apertura en 1997.

Independientemente de como a chamemos, Cómics Vigo é a tenda de referencia da nosa cidade no eido das historietas desde hai un cuarto de século. Xa nos inicios, Ángeles demostrou ter un sexto sentido ao prever a importancia que ían ter os tebeos co paso do tempo: “Eu levaba 12 anos traballando nun quiosco e decaiteme de que o cómic, que nos anos oitenta aínda estaba comenzando aquí, tiña futuro”, rememora. E así foi. O mundo das viñetas foi sumando seguidores, en especial cando os xornais comezaron a darlles cabida na sección de cultura: “A xente decatouse de que os cómics non eran aventuriñas de lectura fácil para nenos. Descubriu unha nova dimensión”, engade a tendeira. 

Durante moito tempo, e mesmo a día de hoxe, o cómic tende a ter unha consideración inferior á literatura tradicional. Como resulta obvio, Ángeles non pode estar máis en desacordo con esta visión: “Para min a Bbanda deseñada aporta máis que un libro porque o debuxo achega moita información que a lectura non dá. Eu tardo motísimo en ler un cómic, porque primeiro vexo que o que me está a contar e cando chego ao final volvo a empezar parándome máis en cada viñeta, como se fosen fotogramas dun filme”, detalla. A xerente pensa que existe moito prexuízo e descoñecemento arredor deste mundo: “Cando alguén me di que non lle gustan os cómics eu dígolle que non é certo; simplemente aínda non caeu nas túas mans a obra axeitada”. A variedade de temáticas é tan ampla como na literatura tradicional, polo que dispoñemos de títulos de corte histórico, social, aventuras, fantasía, thriller, costumbrista, etc.

O primeiro que sorprende ao entrar na tenda é a cantidade de material do que dispoñen: milleiros de cómics de todo tipo (manga, superheroes, novela gráfica europea…), merchandising, xogos de mesa… O segundo, unha vez falas con Ángeles, é o seu profundo coñecemento do tema e a súa pulsión por axudar. O seu asesoramento personalizado, tanto para agasallos como para un mesmo, é o maior activo do que dispón Cómics Vigo. Tamén chama a atención a variedade de idades e perfís que se atopan entre os seus clientes: “Xa nos oitenta había moitas mulleres que apostaban polo cómic. A día de hoxe hai máis cantidade de consumidores, pero a porcentaxe segue a ser a mesma e está igualada”, apostila.

Ademais de como tenda, este espazo sempre funcionou como punto de encontro para os apaixoados do cómic e da cultura underground: “Antigamente dicíase friqui para menospreciar a alguén, pero resulta que agora é un termo de moda e todos somos friquis”, apostila. Segundo ela, o manga, o xénero friqui por excelencia, aportou protagonistas novos que facilitaron que o público xuvenil e adolescente se identificase con eles. Segundo a encargada o seu traballo é moi enriquecedor, porque está diariamente en contacto con xente moi diversa, de idades distintas e con gustos ben variados. Admite que a parte máis grata é ver medrar á clientela, en todos os aspectos: “Aqueles rapaces que eu coñecín cando abriu a tenda agora veñen cos seus fillos. Aí decátaste do rápido que pasa o tempo”, conta cun sorriso. 

Rúa da Ronda de Don Bosco, 22 | 986 22 51 65| @comicsvigo

Pablo Vázquez
Redactor

SONRIAS
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.