Comer e beber en Baiona
Baiona e a súa contorna contan con atractivas opcións para comer e beber entre concertos: Cacicato, la Pepita, Pénjamo e beber en Oniria.
Cacicato – Rúa Ventura Misa, 15
Terraza ampla no casco vello e horario de 9 da mañá ata rematar o turno de ceas. Cacicato é un asador e marisquería moi recomendable para darse unha homenaxe con pratos tan fastosos como a mariscada en bandexa de 1 metro, as carnes e peixes á grella, ou un arroz en paella con produtos do mar. Tamén contan con opcións para picar, como as táboas de queixos e embutidos, as croquetas e a tosta de mus de berenxena. Despois de cantar e botar cos teus grupos favoritos, ben mereces repoñer forzas por todo o alto e onde mellor que no restaurante con maior puntuación en Tripadvisor de Baiona.
La Pepita – Rúa Elduayen, 21
A primeira hamburguesería galega en afastar o famoso entrepán da comida rápida e alzalo á categoría gourmet. Ademais de entrantes e ensaladas na carta de La Pepita atopamos trece hamburguesas de carne á grella con opción vegana. A Sorrentina, con mozzarella e tomate seco, conta cunha lexión de fans que tamén devecen pola potencia da Chaparrita, con guacamole, touciño e jalapeños; ou a melosidade da Rouge, con foie e mazá caramelizada. Saboreala sen présa no local do paseo marítimo é aconsellable, pero tamén podemos pedila para levar ou que nola traian a través de Glovo.
Pénjamo – Rúa Cansadoura, 29. Praia de Patos
Unha das terrazas con máis historia e ambiente da coñecida praia de surfistas fará un oco nas súas cociñas ás hamburguesas de La Pepita a partir deste verán. Unha simbiose perfecta na que a música, as vistas sobre as Cíes e a carta de cócteles e bebidas acompañan ás hamburguesas premium de carne de tenreira á grella. O xute de enerxía perfecto para facer un alto no festival.
Oniria – Ventura Misa, 29
Para empezar ou acabar a noite, este pub do centro da vila ofrece unha coidada carta de bebidas, con cafés, cañas e cócteles desde ás 19:00 h ata as 4 da mañá. Cócteles clásicos como daikiris, piña colada e mojitos son elaborados no momento na barra de Oniria, onde tamén preparan especialidades propias como os cócteles de sidra e cervexa. Entrada a noite, o ambiente relaxado convértese en festivo, coa presenza de picadiscos cada xoves. O 25 de agosto estará David Correa na cabina, mentres que o 1 de setembro será o dj baionés con proxección internacional Yaggo quen anime a festa.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024