REVISTA ABRIL

Club Falcata: combate con historia

Ao falarmos de artes marciais, véñennos á cabeza os nomes de Bruce Lee, Jackie Chan ou Jet Li, e filmes como Os sete samurais, O furor do dragón ou Karate Kid. Mesmo atopamos a seguinte definición no dicionario da Real Academia Galega: «Técnicas de defensa persoal de orixe oriental que utilizan golpes e movementos particulares». Pero o certo é que no noso continente existen técnicas semellantes que veñen de vello: a esgrima histórica ou as HEMA, siglas en inglés das artes marciais históricas europeas.

Soto en Porrigalia | Cedida

José Ricardo Soto Caride, Doutor en Educación Física, sempre sentiu paixón polas artes marciais, polas propiamente orientais (formouse na República Popular China, en centros como a Universidade Deportiva de Pequín ou o Templo de Shaolin) e polas variedades europeas. De feito, cando era neno, seu avó ensinoulle unha disciplina autóctona: o xogo do pau galaico-portugués. Despois de botar anos vivindo fóra de Vigo e investigando sobre as HEMA, volveu á cidade e canda un amigo fundou o club de esgrima Falcata. Mantendo un enfoque de arqueoloxía motriz experimental, as actividades deste lugar divídense principalmente entre accións divulgativas en feiras e festas históricas, conferencias, publicacións científicas, e talleres teórico-prácticos. Estas tarefas abranguen numerosas épocas históricas, desde o amentado xogo do pau galaico-portugués ata esgrima de estilo romano, medieval, renacentista ou napoleónico.

REVISTA ABRIL

As armas que se utilizan nestes adestramentos son inicialmente réplicas de fibra de plástico para pasar, aos dous anos, ás forxadas con aceiro temperado flexible, das que hai unha gran variedade: alabarda, espada de antenas, espada roupeira, daga, falcata —que lle dá nome ao club—, florete, lanza longa, machada, mallo, martelo de guerra, messer, partisana, poleame, sabre etc. O armamento de fogo queda fóra do corpus do mestre Soto. Ademais do ensino no uso, aquí faise fincapé no contexto histórico e sociolóxico das armas nas batallas. «Todas as manifestacións motrices do ser humano teñen un caldo de cultivo. Unha arte marcial do norte da China ten unhas características antropométricas e culturais propias desa zona, que son diferentes ás que pode haber no sur, no Xapón ou en Europa. Por iso o armamento anglosaxón é diferente do español ou do italiano», explica o investigador.

Demostración na Feira Franca de Pontevedra | Cedida

Alén dos cursos e clases, que teñen lugar na sede de Faltaca dentro do Centro Deportivo Vicus (O Calvario), este club de esgrima está moi presente en moitos eventos de carácter lúdico, como o Asalto Pirata María Soliño de Cangas, festival Arde o Pazo de Mos, o Mercado Medieval de Lavadores, os xogos da Porrigalia no Porriño, a festa da Reconquista de Vigo ou o encontro Vicus Spacorum do polígono de Navia. Tamén se implica en proxectos de carácter histórico como representacións ou películas e imparte seminarios sobre as HEMA, na Facultade de Historia e a de Filoloxía da Universidade de Santiago. «Cando vexo nunha de romanos que os cabalos levan estribos, pregúntome como os responsables dunha obra de millóns de dólares non se documentaron correctamente», comenta o mestre de esgrima, que ademais é autor de varios libros sobre artes marciais e goza dun envexable palmarés competitivo.

falcata.net | falcatahema@gmail.com | @falcata_hema

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.