Clases gratuítas, obradoiros, podcast e gravación no estudo: así é o novo curso de Vigosónico
Vigosónico, o local de ensaio e gravación público de Vigo, lanza o seu novo ciclo formativo para o curso 2024-2025. Con obradoiros que van dende a iniciación ata cursos avanzados e novidades como unha nova sala de podcast. As inscricións abren o luns 2 de setembro.
Vigosónico, o local de ensaio e gravación público de Vigo, presenta para este curso unha ampla programación formada por cursos de iniciación e perfeccionamento a instrumentos e numerosos obradoiros. A través da área de Campus Vigosónico facilita o acceso as múltiples facetas do ámbito musical e creativo, a través de profesionais do sector. Proporciona unha plataforma onde os participantes poderán involucrarse en proxectos creativos, intercambiar coñecementos e explorar novas posibilidades na industria.
Academia Vigosónico é un programa de clases gratuítas de iniciación ao canto, guitarra, baixo e batería. Durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2024, así como febreiro, marzo e abril de 2025, ofrecen a oportunidade de mergullarse no mundo da música a través de clases especialmente deseñadas para distintos grupos de idade. As sesións teñen lugar os martes e os mércores, con clases de unha hora entre as 16:30 e as 21:00.
Ao longo do ano Vigosónico conta contará con múltiples obradoiros. O curso comeza en setembro con propostas como o Obradoiro de composición e creación de cancións e o Obradoiro práctico de podcasting. En outubro, estarán dedicados á creación de podcasts, produción musical e dereitos de autor.
Tamén ofrecerá actividades lúdicas baixo o programa Vigosónico Xoga, onde explorar o mundo dos xogos de mesa modernos, enfocándose no deseño e nas dinámicas que os fan tan atractivos. Novembro traerá consigo sesións de Iniciación DJ. O curso estenderase ata 2025, incluíndo obradoiros especializados en produción de eventos musicais, técnicas de gravación e mestura, e o evento especial Demosónico, unha iniciativa única que abre as portas do estudio de gravación ás bandas locais de Vigo, con especial atención ás que ensaian nos locais de Vigosónico.
Unha nova etapa
En maio de 2023 botaba a andar unha nova etapa de Vigosónico, co músico e promotor Juan Rivas á cabeza. O espazo público viña dun momento crítico, tras estar pechado durante os anos da pandemia (e despois de rematar esta) e de recibir numerosas críticas, como as emitidas polo colectivo Grupos de Vigo en Loita, nado en 2022.
As novas iniciativas levadas a cabo polo equipo de Rivas semella que están a xurdir efecto. Mesmo Grupos de Vigo en Loita, moi críticos coa forma na que se estaba a levar Vigosónico, mostrábanse satisfeitos malia que “continúa a abrir menos horas que antes da pandemia”. Segundo os datos ofrecidos polo propio Vigosónico, entre 2023 e 2024 participaron 1774 persoas entre cursos regulares, gravación nos estudios e obradoiros.
A academia, con 186 alumnos e máis de 1100 horas de formación, encheu as prazas das categorías de guitarra, canto e batería. O Campus Vigosónico, dedicado a obradoiro especializados, acolleu 18 clases e 468 participantes. As inscricións abren este luns 2 de steembro nas webs de Vigosónico e a Concellería de Xuventude.