Cinvigo: o festival da ciencia
Unha das cousas que máis sorprende dos institutos das películas estadounidenses, baile de promoción á parte, é a feira de proxectos científicos que realizan os estudantes. O volcán de soda que estoupa na cara do profesor de ciencias é un clásico que non falta nas cintas do xénero.
O sábado 22 e o domingo 23, na céntrica Porta do Sol, temos a oportunidade de ver 55 postos con proxectos científicos realizados por centros educativos galegos, a gran maioría de Vigo. Esta é unha das moitas actividades programadas para esta fin de semana do CinVigo, un grande evento que pretende achegar a ciencia a todos os públicos e converter o centro da cidade nun laboratorio. O organismo responsable deste festival é CINBIO, unha aposta da Universidade de Vigo financiada con fondos FEDER para desenvolver as investigacións nos ámbitos biomédico e biotecnolóxico cun elemento diferencial: o perfil multidisciplinar. Participan nesta feira científica uns 20 centros educativos, repartidos en tres categorías: 1.º e 2.º da ESO, 3.º e 4.º da ESO, e mais bacharelato e formación profesional; en cada unha delas hai un premio do xurado ademais dun premio popular para o total dos experimentos, no que poden votar os visitantes do evento.
Con actividades divulgativas coma esta, desde CINBIO intentan espertar vocacións e aumentar a cultura científica da sociedade, co fin de asegurar o futuro da investigación. A variedade dos proxectos —que deben explicar fenómenos físicos, químicos ou naturais— é inmensa: un sismógrafo caseiro que realiza un mapa segundo os resultados obtidos, un dron fumigador de niños de avespas asiáticas, un biorreactor para o cultivo da espirulina, un sistema de arrefriamento de bebidas utilizando placas Peltier, bioplásticos creados a través de restos biolóxicos, baterías orgánicas realizadas a base de lama…
A creación dun prototipo de coche que funciona con pilas de hidróxeno é o proxecto dun grupo de 4.º da ESO do IES Carlos Casares, coordinado por Cristina Salgado. «Este tipo de proxectos obríganos a estar continuamente actualizados. A actitude do alumnado foi moi proactiva desde o comezo, xa que a idea de participar na feira é unha gran motivación para eles», relata esta profesora de Cultura Científica; pensa que os seus pupilos «están moi concienciados coa protección do medio ambiente, que están moi interesados en combinar co uso da tecnoloxía». En definitiva, o estudantado galego deixa polo chan o volcán de soda.
Axenda de actividades
SÁBADO
12:00 Xincana
12:00 – 13:00 Maxia de peto
13:00 Espectáculo ‘Ciencieando’
13:45 Monólogos ‘Ciencia calidade’
16:00 – 18:00 Maxia de peto
18:00 – 19:00 Espectáculo ‘Ciencieando’
19:00 Actuación maxia
DOMINGO
13:00 Entrega de premios
Horarios
STANDS
Sábado 16:00 – 19:00 e 16:00 – 19:00
Domingo 11:00 – 13:00
U-CHALLENGE
Sábado 16:00 – 19:00
Domingo 11:00 – 13:00
OBRADOIROS
Sábado 11:00 – 14:00 e 16:00 – 19:00
Domingo 11:00 – 13:00
CONSULTA A AXENDA MÁIS COMPLETA DE VIGO
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024